Cando teñen pasado máis de tres anos da aprobación inicial do PXOM de Ares e da presentación de alegacións, a tramitación do devandito documento evidenciase coma unha auténtica fraude. Sabido é que o BNG ten criticado en numerosas ocasións a falta de información e negativa á participación aos grupos da corporación neste proceso; así coma a falla de información ao conxunto da cidadanía, a comezar, as persoas que tiñan presentado as máis de 600 alegacións.
Perante esta situación, o portavoz municipal do BNG, Emilio Mesías, afirma que “logo de tres anos, o documento máis importante para o desenvolvimento futuro de Ares segue secuestrado polo goberno municipal; que ten impedido a participación no proceso aos grupos da corporación e negado a información do proceso ao conxunto da cidadanía”
Mesías afirmou que “estamos perante un auténtico fraude, no que se lanzan mensaxes falsos á cidadanía, dicindo que o proceso está en marcha –e mesmo que a aprobación definitiva vai ser inmediata- cando a realidade evidencia que iso non é así”. O portavoz nacionalista referíase explícitamente á resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do pasado 2 de maio que, segundo afirma “supón unha emenda á totalidade da suposta tramitación que ten feito o goberno municipal do documento aprobado hai máis de tres anos”, indicando que “o alcalde estivo a mentirnos, dicindo que a maioría dos informes eran favorábeis, cando na páxina 6 da resolución da Xunta evidenciase que a maioría son condicionados ou desfavorábeis.»
Nesa resolución obrígase ao concello a realizar multitude de modificacións como paso previo á aprobación definitiva que debería facer o pleno do concello, e que mesmo o alcalde de Ares tiña anunciado para o pasado mes de maio. Emilio Mesías chegou a afirmar que “coa cantidade de requerimentos e modificacións a que obriga a resolución da Xunta, estamos en realidade diante dun plan completamente diferente ao aprobado en marzo de 2014” e concluíu que “o suposto traballo de tramitación feito desde o goberno municipal foi un verdadeiro fraude á cidadanía”.
O portavoz municipal indicou que “non é de recibo que as máis de 600 persoas que alegaron non teñan recibido resposta algunha, cando –segundo se expresa no documento da Xunta- semella que están resoltas”, concluindo que “o goberno municipal actúa con soberbia, provoca inseguridade xurídica e, o que é pior, engana á cidadanía”.
Neste sentido, Mesías anunciou que ·ao marxe doutro tipo de accións que poida adoptar fronte a esta situación, imos presentar de inmediato unha iniciativa no Parlamento Galego para coñecer a posición da Xunta perante todo este proceso e, nomeadamente, da situación actual do documento, das modificacións a que obriga a Resolución de Medio Ambiente e, consecuentemente, das perspectivas de aprobación definitiva do PXOM”.