O IES Catabois impartirá un obradoiro de manga na décima xornada dos clubs de lectura

IES Catabois

Os alumnos e alumnas do club de manga do IES de Catabois explicarán o funcionamento dun club que xurdiu por iniciativa deles na X Xornada dos Clubs de Lectura, que se celebrará o 17 de xuño en Santiago de Compostela. Estarán acompañados polas mestras María Mónica García Velasco, vindeira coordinadora da biblioteca do centro, e por Iolanda Sánchez Méndez, membro do equipo de biblioteca e secretaria do equipo directivo. Os rapaces participarán cun obradoiro de cómic manga nunhas xornadas nas que ilustradores do talle de Miguelanxo Prado e Xosé Tomás imparten cadanseu obradoiro de cómic. Miguelanxo Prado recibirá o premio dos clubs de lectura 2017 durante o acto de inauguración.

No IES de Catabois funcionan desde o ano 2008 varios clubs de lectura. Tres clubs xuvenís e un de adultos chamado José Beceiro formado por membros da comunidade educativa. Pola súa experiencia de case 10 anos de andaina, xa na VIII Xornada de Clubs de Lectura, o IES presentou un relatorio sobre os clubs de adultos.

O Club de manga e anime formouse a partir dunha escisión do orixinal club de lectura xuvenil e leva funcionando de xeito continuado desde o curso 2010-2011. Está dirixido por alumnos e alumnas coa supervisión de membros do equipo de biblioteca e organízase como unha asociación, con presidente e membros. Quen preside o club actúa de voceiro co equipo de biblioteca, encárgase de reunir aos membros para a toma de decisións, e é o responsable da conservación, reposición e uso do material do club.

Este curso o club de manga estivo integrado por 10 alumnos e alumnas, fans deste tipo de cómic, que comparten información sobre todo o relacionado con el: tipos, personaxes, novos libros ou técnicas de debuxo entre outros temas. Reúnense dúas veces por semana nun espazo propio para desenvolver actividades como os obradoiros de debuxo manga e, así, non perturbar o clima de estudo e silencio da biblioteca.

Xestión propia

Nas xuntanzas, len e comentan libros manga, deciden as propostas de adquisicións que farán á biblioteca, relevan a quen ocupa a presidencia cando remata a súa etapa educativa, xogan e organizan actividades para toda a comunidade educativa. Deste xeito, os rapaces planean os seus disfraces para o Entroido, organizan exposicións e obradoiros, preparan a súa excursión á Expotaku da Coruña que se celebra anualmente no mes de maio, e presentan o seu club aos futuros alumnos e alumnas na xornada de portas abertas que leva a cabo o centro educativo o Día do Libro.

Para as adquisicións, o club de manga dispón dun orzamento propio e segue un procedemento establecido para decidir que libros lle interesa máis e que material complementario precisa. Tras xuntarse para tomar a decisión, os alumnos elaboran unha lista cos prezos de custo do material e a librería que o subministra; pasan a lista á coordinadora, quen consulta coa Dirección e a Secretaría do centro (membros do equipo da biblioteca) a pertinencia da compra. Finalmente, e con base nunha lista orzamentada, o centro entrega ao presidente a suma de cartos precisa para ir á librería; ao día seguinte, o presidente trae os libros e a súa factura á Biblioteca para seren fichados. Cabe destacar o valor educativo que ten esta responsabilidade para o alumnado, unido ao feito de que xamais tiveron ningún incidente neses trámites grazas ao bo funcionamento, respectuoso, traballador e responsable, do club de lectura.

A finais de curso o centro organiza unha saída lúdica para os participantes nos tres clubs xuvenís coa intención de recompensar a súa dedicación e a asistencia ás xuntanzas; pasan o día fóra do instituto, coñecen rapaces doutros clubs de lectura e visitan lugares interesantes. Sen embargo, a maior recompensa é a que teñen os rapaces nas xuntanzas semanais dos clubs ao compartir, gozando, xogando e aprendendo, as súas experiencias lectoras.

Lea también

Suspenden el operativo de búsqueda de Doniños, en Ferrol, al no denunciarse la desaparición de ningún pescador

El operativo de búsqueda que se había activado alrededor de las 19,00 horas del pasado …