Narón recibiu 122.000 euros de fondos europeos para a Administración electrónica

O Concello de Narón ingresou esta semana unha partida de 122.512 euros procedente dunha subvención enmarcada nos Fondos Feder da UE, e solicitada no ano 2015 para cofinanciar actuacións de Administración electrónica e de cidadáns en rede durante o período de intervención 2007-2013. A administración local presentouse á convocatoria no 2015 co proxecto “Automatización do procedemento administrativo e achegamento da administración local ao cidadán”, deseñado polo departamento de Novas Tecnoloxías. A edil responsable da área, Natalia Hermida, destacou o traballo realizado polo persoal funcionario do Concello de Narón, que fixo que o proxecto sexa hoxe en día unha realidade, e asegurou que “seguiremos intentando acadar os máximos recursos posibles doutras administracións e organismos co fin de cofinanciar a continuidade deste e doutros proxectos”.

O orzamento inicial do proxecto ascendía a 252.853 euros, validándose finalmente a través do Ministerio de Presidencia (anteriormente de Facenda e Administracións Públicas) un total de 174.823 euros como cantidade subvencionable. A taxa de subvención para o Concello naronés foi do 73,77%, o que supón un importe de 128.960 euros, dos que ingresaron a pasada semana o 95%, quedando pendente facer o propio co 5% restante –previsiblemente se cobrará o vindeiro ano- e os posibles incrementos por remanentes, tal e como explicou Hermida.

O proxecto “Automatización do procedemento administrativo e achegamento da administración local ao cidadán” consta de varios traballos relacionados co deseño de procedementos –elaboración dun mapa municipal de procedementos, redacción do proxecto de Ordenanza de administración electrónica, etc.-; ferramentas da administración electrónica –portal web corporativo de servizo de información e atención cidadá con rexistro telemático, plataforma de sinatura electrónica..-; software de xestión de expedientes – para o seguemento, parametrización de procedementos, etc.-; adquisición de material –escáners, lectores do DNI dixital, licencias, compoñentes servidores…-. Así mesmo, inclúe un convenio coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre para a prestación dos servizos técnicos, administrativos e de seguridade necesarios para a validez e eficacia da emisión e recepción de comunicacións e documentos producidos a través de técnicas e medios EIT.

Esta achega súmase aos 80.000 euros concedidos ao Concello no ano 2008 polo Ministerio de Administracións Públicas, unha cantidade que chegou ás arcas locais no momento en que o Consistorio iniciou o seu Plan de modernización para a administración electrónica, do que Narón foi pioneiro en Galicia.

Natalia Hermida felicitou ao persoal funcionario “polo traballo realizado nesta área, que permitiu xestionar estas subvencións e tamén polo realizado a prol do desenvolvemento propio da administración electrónica no que estamos inmersos traballando día a día, incorporando novas funcionalidades”. Ao respecto, a concelleria de Novas Tecnoloxías recordou que nos anos 2015, 2016 e 2017 se están a incorporar once novos módulos na administración electrónica do Concello, o que supón un investimento total duns 44.000 euros.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …