A deusa Navia garda o Pozo dos Donceis, en San Sadurniño

Deusa Navia – Concello de San Sadurniño

O Concello finalizou esta mesma semana os traballos de acondicionamento e equipamento do paseo fluvial de San Sadurniño, orzamentados en 16.000 euros e financiados pola Consellería de Medio Ambiente con cargo a fondos europeos do FEDER. O proxecto comezou a finais do ano pasado coa restauración da ribeira preto da presa do muíño de Mera. Porén, desde aquela fixéronse máis labores, como a replantación de árbores, a instalación de novo mobiliario e, quizais o máis rechamante, a colocación na volta do Pozo dos Donceis dunha grande estatua en granito representativa da deusa precristiá Navia, asociada -segundo a investigación- aos cursos de auga, á fertilidade e á morte, como barqueira que lles axuda ás almas a cruzar o río do Alén. A peza, esculpida en granito e toelo, é obra do artista Carlos García, autor á súa vez das figuras do Pinocho e do Camiñante que xa levan varios anos no contorno do arboreto da Cortiña.

O programa de actuacións estruturouse en dúas anualidades, a de 2016 e esta de 2017, investindo 8.000 euros en cada unha delas. Cartos que, obrigatoriamente, debían ir destinados á posta en valor de zonas incluídas en Rede Natura 2000, como é o caso da ZEP Xuvia-Castro.

Así, a finais do outono do ano pasado acometeuse a construción dunha escolleira que frease a acción erosiva do río preto da presa de Mera, onde a auga comeu boa parte da ribeira e mesmo deixou no aire máis de 10 metros do paseo fluvial.

Na segunda fase do proxecto -xa este ano- consistiu en volver a ribeira a un estado o máis parecido posible ao natural compactando terra enriba da escolleira para logo repoboala con herba e especies atlánticas, como felgos e arbustos que, ademais, axuden a frear o efecto das riadas.

Porén, a reintrodución de árbores e arbustos do país non se limitou unicamente ao lugar das obras, senón que se desenvolveu ao longo de todo o paseo co obxectivo de repoñer pes deitados polo vento ou arrastrados polas enchentes.

O cometido estrictamente ambiental acompañouse do lúdico, instalando mobiliario -mesas, bancos, papeleiras- e novos paneis informativos. Neste apartado foi onde se incluiu a figura da deusa, que quedou colocada este xoves pola mañá ao pé do Pozo dos Donceis. Lugar de por si xa lendario ao que agora se lle suma o tótem de máis de dous metros de alto esculpido en granito por Carlos García.

A figura de Navia aparece mirando ao solpor cunha man estendida na que porta unha cunca mentres que aos seus pés vemos a proa dunha barca de toelo na que parecen viaxar varias calaveras, que virían representar almas entrando no Alén coa axuda desta barqueira mitolóxica reinterpretada por García.

Á obra aínda lle falta unha lousa na que se transcribirá unha pasaxe do poema épico «Os Eoas» de Eduardo Pondal, referido precisamente a Navia. O texto é unha homenaxe a o autor do Rexurdimento no ano en que se conmemora o centenario do seu pasamento e, tras unha breve descrición da deidade, dirá o seguinte:

«Soñar da longa ruta,
descansando no voso seo
saudoso e brando».

(Eduardo Pondal. «Os Eoas», libro V, canto CXV)

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …