Baixo o título “Colaborando pola seguridade no alzhéimer e outras demencias”, AFAL Ferrolterra inauguraba en Valdoviño un programa pioneiro dirixido ós profesionais que velan pola seguridade cidadá. Unha iniciativa posible grazas á colaboración do Concello. Precisamente, o seu alcalde, Alberto González, foi o encargado de presentala e lembrar a predisposición da Administración a colaborar para mellorar a atención ás persoas afectadas. Pola súa banda, Noelia Ríos, terapeuta ocupacional, e Rita Touza, psicóloga de AFAL, impartiron unha charla formativa na que tomaron parte axentes da Policía Local, Garda Civil e membros de Protección Civil. A todos eles agradeceron non só a súa asistencia, senón a información facilitada, xa que o intercambio de coñecemento permitirá abordar unha mellor resposta.
A través da xornada, buscouse precisamente ofrecer información que fomentase o entendemento sobre esta enfermidade e as estratexias que facilitasen o manexo de situacións coas que se poden atopar na súa práctica diaria axentes e voluntarios –desorientacións, conflitos, situacións de crise, agresividade, delirios, alucinacións…-.