Os especialistas en dermatoloxía do CHUF sumánse a campaña colaborativa europea sobre o melanoma

Os especialistas en Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol sumáronse á campaña colaborativa europea sobre o melanoma, Euromelanoma, que coordina a Academia Española de Dermatoloxía. Estes profesionais atenderon -no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario, durante tres días desta pasada semana- ás 25 persoas que se adheriron voluntariamente a este programa, que eran revisadas para a detección precoz desta patoloxía. Euromelanoma procura a concienciación pública da sociedade sobre a importancia do coidado preventivo; trátase de promover o coñecemento do cancro de pel, a súa prevención, a detección precoz, e o tratamento. Participan un total de 250 dermatólogos de toda España, entre os que se inclúen os do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

O melanoma é unha variedade de cancro cutáneo derivada das células produtoras do pigmento da pel, que representa o 75% das mortes por cancro de pel. Aínda que se trata dun tumor xeralmente cutáneo, máis raramente pode afectar a mucosas (oral e xenital); globo ocular (melanoma uveal) ou intestinos. Na actualidade, o único tratamento efectivo é a resección cirúrxica completa do tumor primario. Os principais factores de risco para o melanoma son xenéticos, antecedentes familiares de melanoma; o fototipo cutáneo, o risco é maior en persoas de pel branca, ollos claros, e pelo rubio ou roxo que se queiman con máis facilidade, e que apenas se broncean; a exposición ambiental á radiación ultravioleta; antecedentes de queimaduras solares frecuentes, especialmente se se producen na infancia; e, tamén, o emprego de cabinas de bronceado, o risco increméntase nun 75% en usuarios habituais menores de 35 anos. “O cancro de pel é o único que, se se detecta a tempo, ten o 100% de posibilidades de curación, por iso este tipo de campañas son tan importantes”, indican os organizadores da Campaña.

Medidas preventivas

Dende o Complexo Hospitalario Universitario da Xerencia Integrada de Ferrol, lémbranse as medidas preventivas que a poboación pode adoptar para minimiza-lo risco, como son diminuír a exposición á radiación ultravioleta, evitando a exposición solar, sobre todo nas horas de maior incidencia (das 12:00 ás 16:00), e durante a infancia. Por outra banda, o emprego axeitado de fotoprotectores, que hai que aplicar 30 minutos antes da exposición solar e de xeito xeneroso; aplicar novamente con frecuencia, entre as 2 e as 3 horas, e con maior frecuencia en caso de baño ou sudoración. Non se debe empregar o fotoprotector para poder incrementar así a exposición solar máis alá do debido; e, por último; evitar as cabinas de bronceado.

En canto á prevención secundaria, ou diagnóstico precoz, a aparición de lesións cutáneas pigmentadas ou o cambio morfolóxicos dos lunares preexistentes pode ser detectado a través do especialista en Dermatoloxía. A Xerencia Integrada de Ferrol conta coa Teledermatoloxía dende o ano 2006, o que facilita a detección, cun mellor cribado no ámbito dos centros de saúde. Déuselle un importante pulo nos últimos anos, coa incorporación de dermatoscopios ós centros de saúde, e á formación ó respecto dos facultativos, nese ámbito.

Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realiza cirurxía; e conta cunha consulta específica sobre o Melanoma, dende o ano 2013. Dende xaneiro de 2014, existe tamén unha Vía Rápida do Melanoma para o tratamento con maior premura daqueles casos prioritarios. Establéceuse así unha metodoloxía práctica a seguir en todo o proceso diagnóstico e terapéutico do melanoma; e creouse un circuíto fluído de derivación destes pacientes ó que acceder tódolos facultativos implicados no ámbito do centro de saúde e hospitalario da Xerencia ferrolá.

Con esta vía rápida, o punto de entrada principal da poboación adscrita será o facultativo do centro de saúde, aínda que tamén calquera facultativo de especializada que teña unha elevada sospeita clínica desta entidade. O facultativo responsable do paciente detecta os datos clínicos de sospeita de melanoma, e inclúe o paciente na vía rápida cando cumpra algún dos requisitos de derivación que se recollen no protocolo. Pasaron por esta vía rápida un total de 93 pacientes, durante o pasado ano 2016. Detectáronse medio centenar de melanomas nese mesmo ano.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …