O Galp Golfo Ártabro Norte participa nun proxecto de cooperación interterritorial

O GALP Golfo Ártabro Norte, entidade colaboradora da Consellería do Mar, para a xestión das axudas do Programa FEMP 2014-2020 no seu territorio: Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Ferrol e Narón, participa xunto con outros GALP de Galicia nun proxecto de cooperación interterritorial, que ten como obxecto principal impulsar unha rede colaborativa para promover ás mulleres do mar no ámbito galego.

Os grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro son entidades colaboradoras na xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e contan cunha Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo artellada a través de obxectivos estratéxicos concretos en cada territorio.

Estes Grupos puideron optar este ano ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 3 de agosto de 2016 pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión de axudas a proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das ZONAS DE PESCA no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Así, nestes días, a Consellería do Mar vén de resolver a concesión dunha axuda ao proxecto de cooperación interterritorial “Candieira – Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia”.

O proxecto, presentado conxuntamente por 6 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia: Golfo Ártabro Norte, Ría de Pontevedra, Costa da Morte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, impulsará unha rede colaborativa para promover ás mulleres do mar no ámbito galego.

O Grupo coordinador deste proxecto, GALP Ría de Pontevedra, presentou o pasado día 31 de xaneiro este proxecto á convocatoria de proxectos de cooperación para GALPs 2017, que xestiona a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, tendo unha resolución favorable para desenvolver este proxecto entre os 6 GALP galegos e que acada o 100 % do orzamento do proxecto.

A través da promoción e da activación da autoorganización e o apoio ao emprendemento, este proxecto busca unha maior gobernanza e empoderamento das mulleres do sector pesqueiro.
A promoción da igualdade de oportunidades é un dos eixos que vertebra o funcionamento dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (FEIE).

Reforzar a gobernanza das mulleres do mar

Con este programa preténdese reforzar a gobernanza das mulleres do mar, a través dun conxunto de programas de formación e de acompañamento de proxectos emprendedores que buscan mellorar as capacidades das mulleres en diferentes ámbitos vitais e profesionais.

Ademais, a constitución desta rede de traballo e colaboración para a promoción de iniciativas e actividades orientadas a visibilizar e reforzar o papel das mulleres nas comunidades costeiras quere ser un xeito de compartir recursos e optimizar custos á hora de poñer en marcha proxectos neste ámbito.

O proxecto contempla, entre outras accións divulgativas, a creación dun espazo web, que será unha das principais canles de difusión da actualidade do proxecto e das iniciativas que xurdan ao abeiro deste.

Tamén se creará un catálogo de experiencias innovadoras e exitosas.
O proxecto consta de tres fases claramente diferenciadas: inicial, intermedia e final.

Fase inicial. Divulgación do proxecto
Fase intermedia. Innovación social para o emprendemento. Este é o corazón do proxecto no que se pretende abordar dúas actividades diferentes:
O laboratorio. Espazo ideado para o deseño de iniciativas innovadoras nos territorios.
Os programas de formación-acción: acompañamento de proxectos emprendedores e dinamización do asociacionismo de mulleres. Espazos ideados para reforzar e mellorar a capacitación das mulleres do sector no emprendemento e en diferentes ámbitos: o organizativo, o laboral e o persoal. Estas actividades implicarían un reforzo directo da gobernanza e o empoderamento das mulleres. Os programas concíbense como un espazo único e transversal no que traballar directamente os ámbitos do emprendemento e asociacionismo. Non se trata de entender como accións separadas, senón de carácter conxunto.
Fase final. Exposición de resultados do proxecto e constitución da Rede.
O proxecto ten unha duración prevista de un ano.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …