O CEIP Piñeiros participou esta mañá na ruta inaugural do programa Camiño Escolar Seguro

Instante da saída – Concello de Narón

A Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, dirixida polo edil Guillermo Sánchez Fojo, puxo esta mañá en marcha, a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, o programa municipal Camiño Escolar Seguro. O concelleiro naronés, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, acudiron hoxe á primeira das rutas cara ao colexio de Piñeiros, onde estiveron acompañados polo xefe da Policía Local, Eduardo Pita; un dos responsables do equipo de Educación Viaria do Concello, Pedro Caneiro, e axentes da Policía Local. Algo máis de 150 escolares do CEIP Piñeiros sumáronse a esta iniciativa, dirixida a alumnado de Infantil e Primaria, percorrendo a pé, en bicicleta ou en patinete –sós ou en compañía dos seus pais e nais ou doutros rapaces e rapazas que esperan nos puntos de encontro– as rutas deseñadas cara ao centro escolar.

A ruta azul programada para o colexio de Piñeiros está indicada con sinalización horizontal (puntos de encontro e pegadas) e vertical (bandeirolas nas farolas) e parte no tramo “A” -790 metros e nove minutos- da rúa Álvaro Paradela, con puntos de encontro –onde se reúnen os participantes- nas rúas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa. O tramo “B” -925 metros e dez minutos- parte da rotonda de Megasa cara ao centro escolar e ten puntos de encontro nas inmediacións do supermercado Día e á altura da estrada do Feal. Ataviados cos chalecos deste programa, reflectantes, e co debuxo da súa mascota, “Pegadas”, os nenos e nenas partiron cara ao centro polas rutas indicadas. No tramo localízanse varias “Tendas amigas” (comercios e establecementos de hostalería que apoian a seguridade dos itinerarios), identificadas cunha pegatina, nas que se ofrece aos escolares axuda no caso de que sexa preciso e ás que desde o goberno local, así como ás familias, agradecen a súa implicación.

A iniciativa conta ademáis coa colaboración de empresas da comarca e doutras integradas na Asociación de Comerciantes de Narón, que dispón dun completo programa de agasallos que se poderán obter canxeando os puntos obtidos polos nenos e nenas. Cada participante obterá unha “pegada” a modo de punto cada día que vaia camiñando ao colexio e poderán canxealos por descontos ou agasallos cedidos por diversos establecementos e que se poden consultar no enlace: http://www.comerciodenaron.es/paxinas/pegadas.php e que varían en función das “pegadas”, que deben ser un mínimo de quince e un máximo de 38. Colaboran tamén nos premios o Padroado da Cultura, da Concellería de Cultura, área presidida pola edil Marián Ferreiro, e a Concellería de Novas Tecnoloxías, dirixida por Natalia Hermida coa cesión de entradas para espectáculos no Pazo e unha partida para mercar agasallos para esta iniciativa, respectivamente. Pulseiras, mochilas, material de papelería, xoguetes, cortes de pelo, calzado e gafas de sol están tamén entre os regalos que poderán recibir os escolares que participen neste programa municipal.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, valorou a posta en marcha desta nova iniciativa, que o vindeiro curso se implantará noutros centros escolares da localidade. “Este tipo de programas fan que os nenos teñan unha maior autonomía e adquiran pouco a pouco unha serie de responsabilidades e condutas en materia de educación viaria que lles serán de moita utilidade no seu día a día”. Así mesmo, Taibo destacou a excelente acollida que tivo esta proposta, “á que se sumou practicamente o 80% do alumnado do CEIP Piñeiros”.

Pola súa parte, o edil de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, destacou a cooperación entre a concellería que preside e as de Ensino, Novas Tecnoloxías e Cultura para a posta en marcha deste programa. O edil incidiu nas vantaxes que o programa Camiño Escolar Seguro, que se iniciou hoxe a modo de proba, supón en canto aos problemas que se rexistraban a diario cos vehículos nos accesos do colexio á hora da entrada e na necesidade de diminuír a inseguridade que existe ao respecto na actualidade. Sánchez Fojo recordou que esta proposta se suma ao programa “Bica e arrinca”, que se iniciou o pasado mes de xaneiro, e que se complementará co de “Estacionamentos de proximidade”, “tamén co obxectivo de evitar a aglomeración de vehículos ás portas dos centros escolares, co consecuente perigo que este feito supón para os menores”.

O equipo de Educación Viaria do Concello ultima unha APP que permitrá aos participantes no programa Camiño Escolar Seguro utilizar dous “check points” a través dunha pulseira para acceder ao catálogo de agasallos e tamén a través do que se poderá enviar aos pais e nais unha mensaxe ao móbil informándoos da chegada dos menores ao centro.

Lea también

El comité de empresa de Guidoni Quartz rechaza el ERTE planteado para la planta de Narón

Afectaría a toda la plantilla de la planta de fabricación de tableros de aglomerados de …