Narón abrirá mañá o prazo de inscrición no programa municipal ConciliaEscola Verán

Un total de cen nenos e nenas de Narón con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos son os destinatarios do programa ConciliaEscola Verán. Así o recordou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio, que anunciou que o prazo de inscrición permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 16 de maio. En total desenvolveranse cinco quendas nas instalacións do CRA de Domirón, entre o 26 de xuño e o 31 de xullo.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse nunha das quendas dispoñibles: do 26 ao 30 de xuño; do 3 ao 7 de xullo; do 10 ao 14 de xullo; do 17 ao 21 de xullo e, por último, do 24 ao 31 de xullo. Concederase unha quenda por participante, salvo que existan vacantes noutras, tal e como indicou a edil, que incidiu en que as prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Os participantes, un máximo de 20 persoas por cada quenda, deberán pagar unha taxa de 8,15 euros e disporán de servizo de bus, con transporte só de volta para o horario de 7.30 a 14.00 e de ida e volta para o de 9.00 a 14.00. As paradas a realizar anunciaranse nunha xuntanza previa ao inicio da actividade pero desde o Concello xa se avanzou que este servizo poderá suspenderse se non hai un mínimo de dez usuarios.

Os nenos e nenas participarán en actividades artísticas e en inglés, e noutras relacionadas coa educación para a igualdade, convivencia, saúde e tempo libre mediante o xogo, entre outras.

As persoas interesadas en inscribirse deben facelo a través do Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia que poderán recoller alí ou descargar da páxina web do Concello –www.naron.es– a partir de mañá. O horario de apertura do Rexistro de entrada é de 8.30 a 13.30 horas, de luns a venres. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1113 e 1115).

Sabio animou á veciñanza a participar no programa ConciliaEscola Verán, que ten entre as súas finalidades “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar daqueles núcleos familiares nos que traballan os pais e nais dos menores, ou os seus titores, salvo no caso das familias monoparentais”.

Lea también

El comité de empresa de Guidoni Quartz rechaza el ERTE planteado para la planta de Narón

Afectaría a toda la plantilla de la planta de fabricación de tableros de aglomerados de …