Canido en festas, quen che viu e quen che ve

Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

Canido está de festa. O barrio alto de Ferrol formouse de xeito paseniño desde o medievo, sendo de sempre un barrio agrario e labrego, de vivendas terreas cercadas de leiras e hortas. Arredor da encrucillada da praza do Cruceiro, corazón latexante do barrio, suxestivos topónimos lembran a súa historia: Praza da Tahona, Fonte de Insua, Brisas de Canido, Cangrexeiras, Muiño do Vento, Maiola, Marola, Estrela, Praza do Cruceiro, Corral de Chapón, Miramar, Ribas de Abaixo e Costa do Raposeiro, onde aínda se pode ler nunha placa “Aldea de Canido”. E a todo isto, segue sen poñerse nome cabal ao que algúns espilidos chaman Parque da Fenia (sic).

A prolongación cara ao norte das rúas transversais da Madalena: San Diego, Hospital, Terra, A Coruña, foi o xermolo do seu crecemento a comezos do século XIX. A partires do ano 1930 o novo trazado da rúa Alegre foi o eixo de expansión de Canido, coa creación das parroquias de Santa Cruz e San Rosendo. Nas últimas décadas modernas urbanizacións e amplas rúas como Pérez Parallé danlle unha nova fisionomía ao barrio.

CANIDO, QUEN CHE VE ……….

En Canido viviron coñecidos persoeiros ferroláns: Fontenla Leal, os López Bouza, Emiliano Balás, Pérez Parallé, Xohana Torres e Carmelo González, mais tamén albergou nas súas rúas personaxes populares como Pimborete, o enxeñoso cazador de gatos, ou Maruxiña, aquela entrañable señora de “nunca cheghamos a ricos”.

No seu aspecto material, mentres aguanta como pode o secular cruceiro da praza de Canido, desapareceu da vista pública a xoia medieval do Cristo da Tahona, que os sucesivos e ignorantes gobernos municipais non son quen de poñer en valor. Derrubados a fábrica de Fenya e o Depósito de Auga, antigo faro do barrio, desaparecido o vello cemiterio de Canido, o primeiro camposanto galego da Ilustración, arrastran a súa desfeita a Casa do Pobre, o Corral de Chapón e o Chalé modernista de Sisto.

Canido conserva un singular Patrimonio intanxible baseado en arraigadas tradicións do mundo rural, celebrando aínda hoxe a Festa dos Maios. Os ritos e costumes destas festas son a herdanza de antigos cultos agrarios conservados nas comunidades agrícolas, que a Igrexa, co seu acostumado sincretismo, integrou dentro dos seus ritos relixiosos, convertendo Maio no Mes das Flores e facendo súa a festa da Exaltación da Santa Cruz.

CANIDO, QUEN CHE VIU …….

O mantido costume de adobiar con flores e follas o vello cruceiro da praza de Canido e de erguer pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, mentres os nenos cantan as coplas tradicionais, constitúe un sobranceiro exemplo de posta en valor do barrio e de humanización dos espazos urbanos en perigo de degradación, así como un exemplo de conservación dunha tradición ferrolá.

Canido, onde eu vivín, mesmo disfrutei, moitos anos, está de xolda. Porén, agora vexo outro Canido: o da
Poesía Salvaxe, o Canido das desvirtuadas Meninas, o do Tanatorio do Centro Cívico, o das prazas e rúas de perigosos bolardos e maceteiros.

Deixo ese novo Canido para os coñeros contacontos do Concello, os facareños activistas culturais e os profetas posmodernos ferroláns.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …