O orzamento 2017 do Concello de Narón quedou aprobado, ascendendo a 29,9 millóns de euros

Instante do pleno – Concello de Narón

Segundo informa  o gabinete de prensa do concello  de Narón os orzamentos municipais , que ascenden este ano a 29.939.829,70 euros aprobáronse na sesión plenaria celebrada na tarde deste xoves no Concello. Rexeitadas as enmendas presentadas polo PP, que non obtiveron o respaldo do resto de partidos, procedeuse a votar o documento presentado por TEGA, PSOE e BNG, que contou co voto a favor do portavoz de EU, André Abeledo, que esta mesma semana anunciara o seu respaldo ao mesmo. O orzamento, recordou o alcalde, José Manuel Blanco, increméntase nun 3,41% con respecto ao ano pasado, cando o orzamento inicial foi de 28.951.234,92 euros. O rexedor local, José Manuel Blanco, e o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, destacaron o feito de que un ano máis, terán prioridade “os veciños e veciñas de Narón por riba de calquera outro interese”, e aseguraron que se trata duns orzamentos “prudentes”.

O edil de Xestión Orzamentaria agradeceu novamente en nome do goberno local a “oposición construtiva” do portavoz de EU, co seu respaldo ao documento, e subliñou que o orzamento “conta con todos os informes económicos e xurídicos favorables”. Villamar fixo un repaso dos ingresos e gastos e destacou a redución da amortización da débeda en algo máis de 450.000 euros con respecto ao ano anterior, seguindo a liña dos últimos anos, e tamén o incremento da partida de Dependencia, que pasará dos 1.025.000 euros de 2016 a 1.700.000 neste 2017. Pola súa parte, o alcalde recordou que este ano notarase por vez primeira unha baixada no recibo do IBI, subliñando o feito de que “o valor catastral non é unha competencia municipal e incrementouse cada ano desde o 2008”. Así mesmo, o alcalde incidiu en que “as taxas deste Concello non se suben desde hai seis anos”.

En canto ao orzamento de investimentos reais, ascenderá a 1.685.772 euros, unha cifra que segue medrando no que respecta aos recursos propios, tal e como destacou o goberno local. Actuacións de melloras en zonas verdes e áreas de xogo municipais, e e relacionadas co saneamento, mellora de accesibilidade, actividades culturais ou relacionadas co emprego, entre moitas outras, forman parte dos investimentos previstos este ano. Así mesmo, contémplase unha partida de 500.000 euros comprometida no convenio coa Xunta para o novo centro de saúde da cidade.

Na sesión desta tarde aprobouse coa única abstención do portavoz de ENE o cadro de persoal e a Relación de Postos de Traballo correspondente ao presente exercicio. O expediente extraxudicial de créditos por importe de 177.020 euros para o pago de facturas aprobouse cos votos en contra do PP e de ENE e a abstención de EU. Neste punto, o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, puntualizou que se trata dunha partida para abonar facturas presentadas este mesmo ano.

O pleno acordou cos votos a favor de todos os edís da corporación o nomeamento da concelleira de Turismo, Natalia Hermida, como representante municipal do Concello no Consorcio do Camiño Inglés. Así mesmo, antes de dar comezo o apartado no que se debatiron as mocións presentadas á sesión, informouse sobre unha declaración institucional para poñer o nome do párroco D. Evaristo Lorenzo Oriol ao parque localizado na parte posterior da igrexa de Santiago Apóstol. A iniciativa partiu da AVV da Gándara, Cáritas da parroquia e a asociación Narón Amigos del Arte, en recoñecemento á labor do párroco durante 26 anos nas parroquias de San Mateo de Trasancos e Santiago Apóstol.

No apartado de mocións, debatiuse unha presentada polo Grupo Mixto (ENE) instando ao goberno local a solicitar as axudas da Xunta para a posta en marcha dunha Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (Udiaf), que non saíu adiante. A edil de Acción Social, Catalina García, explicou ao respecto que os Servizos Sociais de Narón “non teñen datos que xustifiquen a necesidade dunha Udiaf en Narón”, e recordou que “o Concello asina anualmente convenios de colaboración con entidades como Aspaneps para atender ao citado colectivo”. O Grupo Mixto presentou outra moción (neste caso de EU) para iniciar os estudos necesarios para a municipalización dos servizos públicos privatizados que non se aprobou. A portavoz de Terra Galega, Marián Ferreiro, asegurou neste punto que se está á espera do resultado dos estudos encargados a través da Mancomunidade nesa mesma liña.

O BNG presentou tamén unha moción, que se aprobou no pleno, para instar á Xunta a demanda dun sistema de concerto para financiar os servizos públicos básicos en Galicia e para impulsar a creación dunha Axencia Tributaria Galega, con capacidade para as funcións propias deste organismo na comunidade autónoma.

Finalmente debatiuse unha moción do grupo municipal do PP na que se solicitaba modificar os límites que regulan o acceso ás bonificacións das ordenanzas fiscais que tan só contou co voto favorable dos edís do PP.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …

Un comentario

  1. Valeriano Leira

    Pronto saltará a los medios la absorción de EU por parte de TEGA, al igual que pasó con PSOE y BNG.