A festividade dos maios foi presentada no Concello de Narón

Bruno González e Marián Ferreiro durante a presentación – Concello de Narón

A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o presidente da Sociedade Cultural Areosa (de Piñeiros), Bruno González, presentaron esta mañá en rolda de prensa os actos programados con motivo da celebración do Día dos Maios, o vindeiro 6 de maio. O Padroado da Cultura deseñou unha completa programación, tal e como recordou Ferreiro, que inclúe obradoiros de arte floral, unidades didácticas nos centros escolares, actividades nas entidades veciñais e outras propostas para celebrar o Día dos Maios. A vicepresidenta do Padroado e o presidente de Areosa animaron á veciñanza a acudir o vindeiro día 6 aos actos do Día dos Maios. “As veciñas e veciños de Narón poderán ver nesa xornada o intenso traballo realizado por persoas de diferentes idades que, a través dos locais sociais ou dos colexios, colaboran nas actividades programadas desde o Padroado da Cultura para continuar celebrando no noso concello esta festa popular galega”, explicou Ferreiro.

O vindeiro día 6, ás 16.30 horas, concentraranse no local social de Piñeiros os Maios que participarán este ano na festividade coa que se homenaxea a chegada da primavera. Media hora máis tarde, ás 17.00 partirá unha comitiva desde Piñeiros ata a Praza de Galicia, percorrendo un tramo da estrada de Castela para, unha vez na citada praza, sobre as 18.00 horas, dar comezo as actuacións dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura. Integrantes da Sociedade Cultural Areosa ofrecerán aos asistentes un chocolate, a partir das 18.30 horas, tamén na Praza de Galicia.

Entre as novidades previstas este ano está a elaboración dunha gran alfombra floral na Praza de Galicia. O artista Leandro Lamas será o encargado de realizar o deseño sobre o que podrán traballar –na colocación da flor– as persoas que así o desexen, ao tratarse dunha actividade participativa. As dimensións da alfombra serán de 15×15 metros, tal e como se indicou desde o Padroado.

Os Maios que se poderán ver o día 6 elabóranse tanto nas entidades veciñais e culturais da cidade como nos colexios. A implicación da veciñanza nesta festividade é un dos obxectivos marcados desde o Padroado da Cultura de Narón e, nesta ocasión, ao igual que en anos anteriores, resultou todo un éxito. Así o asegurou a vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, que destacou o feito de que “numerosas asociacións de veciños e entidades culturais, e algo máis de 1.300 rapazas e rapaces de centros educativos de Narón participarán nos obradoiros programados polo Padroado, polo que temos que agradecer especialmente a súa colaboración desinteresada para poder manter no tempo esta celebración”. Nos centros cívicos do Val e de Piñeiros organizáronse obradoiros de arte floral, para que os veciños e veciñas da zona urbana e rural nos seus propios Maios.

Así mesmo, nos centros educativos programáronse unidades didácticas, dirixidas a escolares de Infantil (3, 4 e 5 anos) e de primeiro e segundo de Primaria (6 e 7 anos), que se iniciarán o vindeiro día 3 para que as flores dos Maios se conserven ata o sábado día 6. Ferreiro apuntou que participa nesta proposta alumnado dos colexios Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, A Gándara e Piñeiros, así como do CRA (O Val, Domirón, Sedes, Castro e Pedroso).

Unha decena de asociacións veciñais e culturais tamén construirán os seus propios Maios, tutorizados por monitores, para participar nesta festa.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …