A Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF) presentou hoxe na sede da Deputación da Coruña as primeiras conclusións o estudo “Diagnóstico socioeconómico comparado de Ferrol e a súa área de influenza”, que financia a institución provincial.
O informe íntegro, que foi elaborado foi elaborado por Jesús Ángel Dopico Castro, profesor de Economía Aplicada e membro do grupo de investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña, será presentado o vindeiro xoves 27 de abril na asemblea da Asociación de Empresarios de Ferrolterra.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado responsable de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, recibiron ao presidente da AEF, José Ramón Franco Caaveiro, que expuxo os principais resultados que arroxa este estudo sobre os 20 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Unha radiografía de Ferrol, Eume e Ortegal
González Formoso destacou a “utilidade do informe” que amosa “unha detallada radiografía socioeconómica das tres comarcas e que pode servir de base para futuras estratexias de dinamización do territorio”.
O informe recompila gran cantidade de datos, esencialmente cuantitativos, que permiten avaliar aspectos clave coma o emprego, a poboación, a renda ou a demografía empresarial, tanto da comarca en conxunto coma de cada municipio por separado. Ademais, o estudo inclúe unha comparativa da comarca con outras zonas do territorio nacional con características similares, como poden ser Avilés, Irún, Fuengirola ou Collado Villalba.
O presidente da asociación, que aglutina a máis de 200 socios do área de Ferrolterra, explicou que este extenso proxecto poderá servir de guía para que os concellos e os axentes socioeconómicos locais poidan avaliar a súa situación e plantexar obxectivos estratéxicos e liñas de acción orientadas á mellora das estruturas socioeconómicas da área.
Neste sentido, Valentín González Formoso comprometeuse a estudar distintas vías de colaboración para dar continuidade ao traballo xa realizado, coma a organización dunha serie de mesas sectoriais con especialistas e expertos nos ámbitos, social económico e político. O obxectivo será, sobre o escenario plantexado polo estudo, elaborar estratexias de dinamización económica e impulso ao emprego nas tres comarcas.
Así mesmo, outros proxectos para dar continuidade ao estudo son o desenvolvemento de informes detallados a nivel municipal, a edición do estudo nunha publicación ou a presentación das conclusións do análise en distintos puntos da comarca.