O Concello de San Sadurniño continuou esta mañá a programación iniciada o venres para celebrar o Día Internacional do Libro. Se ese día «Dada o Duende» deleitou cos seus contos á rapazada de entre 8 e 10 anos, hoxe tocoulle a quenda a Artur Trillo con «Rosa Caramelo e outras historias«… historias ben entretidas e todas en clave de igualdade que se representaron para o alumnado máis pequeno do CPI. Porén as actividades municipais non rematan aínda, xa que o xoves volverá á Casa da Cultura a poeta Dores Tembrás cunha proposta para a mocidade que combina poesía e graffiti.
Rosa Caramelo é o título dunha obra publicada en Italia hai máis de catro décadas que conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada.
Artur Trillo –dirixido por Paula Carballeira– conta tanto esta como outras tres historias combinadas con música en directo que axudan a crear unha atmosfera adecuada “para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes”.
A montaxe «Rosa Caramelo e outras historias» busca deste xeito fomentar a lectura pero tamén falar unha vez máis de coeducación, igualdade e da ruptura co concepto aínda moi enraizado na sociedade de que existen “cousas de nenos e cousas de nenas”. Unha mensaxe lanzada tamén o venres coa obra «Dada o Duende«, representada na Casa da Cultura para o alumnado co colexio de entre 8 e 10 anos e, igual que a obra de hoxe, encadrada no programa da Xunta «Ler conta moito«.
Dores Tembrás, o xoves coa mocidade
A próxima proposta co gallo do 23 de abril desenvolverase o xoves no mesmo espazo e en dúas sesións, unha de 12.10 a 14.00h. para a rapazada de 6º de primaria e outra de 15.20 a 17.00h. para a xente algo maior que xa vai en 2º da ESO.
O título da sesión da mañá é «Poesía+graffiti» e a encargada de impartila será a poeta Dores Tembrás, quen estivo recentemente en San Sadurniño falándolle á mocidade sobre creación literaria en feminino. Neste caso ofrecerá un obradoiro no que o acceso ao poético se realiza «por medio dunha vía moi familiar para os rapaces e rapazas, cunha linguaxe que eles manexan con naturalidade e coa que se identifican: as pintadas nas rúas«.
O obradoiro ten dúas partes, unha primeira na que Tembrás e a xuventude traballarán con imaxes de graffiti «pintadas de corte poético» que se analizarán tendo en conta o espazo e o contexto, as figuras retóricas, a grafía, a necesidade de brevidade, as constelacións poéticas, a precisión, etc.; mentres que na segunda parte a rapazada escribirá un par de versos e unha imaxe para poñer en práctica todo o aprendido.
Pola tarde Dores Tembrás abordará coa xuventude da ESO a actitude e o traballo poético, para o que suxeriu tomar como punto de partida o seu poemario «O pouso do fume«, localizado tematicamente en San Sadurniño. Segundo a escritora e activista cultural, o obradoiro pretende ser «un estímulo para que o alumnado escriba a partir dun referente no territorio e na emoción«.