O Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería de Medio Rural e do Mar entregou ao Concello de Narón 300 sacos para a recollida das patacas plantadas trala prohibición de facelo en fincas localizadas en áreas infestadas pola couza guatemalteca, entre elas o municipio de Narón. Os particulares están obrigados a levantar as plantacións e deberán meter as patacas nestes sacos especiais (de 51×70 centímetros), onde figurarán unha serie de datos, entre eles a cantidade de tubérculo recollida. O goberno local de Narón explicou que en aras de colaborar desde o Concello e co fin de facilitar as tarefas de entrega dos sacos, distribuíu o lote entregado pola administración autonómica entre as zonas urbana e rural. As persoas que os precisen poderán solicitalos a partir de mañá na Nave de Servizos do Concello –estrada de Cedeira, nº 10, en horario de 8.30 a 13.30 de luns a venres, excepto os festivos-, e tamén a partir do vindeiro mércores, día 19, nas tendas das cooperativas do Val, San Mateo e na antiga cooperativa de Pedroso –no seu horario de apertura habitual-, estando á disposición da veciñanza 75 sacos en cada unha destas catro instalacións. No caso de que se precisen máis sacos a Consellería de Medio Rural xa avanzou que se facilitarán para proceder ao seu reparto entre as persoas que os soliciten.
Unha vez recollidas as patacas nos sacos, persoal técnico pasará polos domicilios a recollelos para posteriormente envialos en camións estancos para a súa destrución nunha empresa de Cerceda. Con esta medida, entre outras, como non plantar este tubérculo nos concellos afectados pola praga durante un período de dous anos e aplicar un tratamento fitosanitario nas parcelas cultivadas na campaña anterior, apóstase por erradicar a couza guatemalteca da pataca nos municipios afectados.
A maiores, a administración autonómica enviará aos domicilios das zonas infestadas pola couza guatemalteca unhas cartas cuns folletos explicativos coas medidas a levar a cabo para erradicar a couza guatemalteca. A información diríxese aos particulares, almacéns comerciais, establecementos de venda, e persoal que vende patacas en feiras e mercados.
Ademais do municipio de Narón, na comarca están afectados por esta praga os concellos de Ferrol, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes.
As persoas da zona que desexen recibir máis información sobre as medidas de control da praga poden poñerse en contacto co Servizo de Explotacións Agrarias da Coruña, da Área de Sanidade e Produción Vexetal, a través dos números de teléfono 981 184 553 ou 981 184 548.