O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, presentou esta mañá unha moción para o seu debate no pleno ordinario de abril na que demanda un sistema de concerto económico co que financiar os servizos públicos básicos e que permita superar o actual modelo, vixente desde o ano 2009.
A moción, que está a ser rexistrada en todos os Concellos nos que o BNG ten representación, cualifica o actual sistema de “ineficaz” por canto que centraliza na Administración Xeral do Estado a capacidade recadatoria da meirande parte dos impostos que se pagan no país (practicamente dous terzos do total), malia que é a Comunidade Autónoma a que presta os servizos máis importantes das políticas de benestar, isto é, Sanidade, Ensino, Servizos Sociais e Dependencia, entre outras. Cómpre lembrar que estas áreas absorben 7 de cada 10 euros do orzamento anual da Xunta de Galicia.
O BNG considera que debe mudar o enfoque e estabelecer como principio xeral o de que a quen lle corresponde manter os servizos sociais esenciais “ha de ostentar tamén a responsabilidade da política fiscal”. Non sen sentido que a Xunta, en virtude da repartición competencial, sexa a titular dos servizos anteditos e que, porén, non teña capacidade de se responsabilizar dos ingresos para o seu financiamento.
O modelo polo que pula o BNG xa está en vigor en Comunidades como Euskadi e Navarra, nas que as leas sobre a suficiencia do sistema son testemuñais. A respecto da sustentabilidade desta proposta, a organización nacionalista lembra que a cidadanía galega “contribúe ao Estado con máis diñeiro en impostos do que o Goberno central transfire posteriormente para o noso financiamento”. Os datos falan por si mesmos: os últimos dispoñibles (2014) sinalan que a recadación de impostos en Galicia asignados ao sistema de financiamento foi de 9.188 millóns. Se a esta cifra engadimos a parte que nos corresponde de impostos totalmente centralizados (por exemplo, o Imposto de Sociedades) en función do peso económico de Galicia no conxunto do Estado (1.942 millóns), a recadación final ascende a 11.131 millóns. Porén, as remesas do sistema de financiamento a Galiza ascenderon a 7.034 millóns.
O cambio de modelo afectaría tamén ao financiamento local. Actualmente, para concellos de menos de 75.000 habitantes (incluído, polo tanto, Narón) o Estado non ten en conta os maiores custos que supoñen a dispersión xeográfica e o avellentamento, premiando polo tanto a concentración poboacional típico doutros territorios.
Por estes motivos, o BNG propón ao pleno instar ao Goberno galego a defender un novo marco de financiamento baseado nun concerto económico e na territorialización completa dos tributos do sistema fiscal soportados en Galicia, o que debera levar aparellada a creación da Axencia Tributaria Galega. Tamén reclama a creación dun mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa que permita reducir as diferenzas nos niveis de servizos e infraestruturas.
¿Y no sería más interesante que el BNG, responsable de «Promoción Industrial» en Narón, se ocupase de asuntos que son más de su incumbencia, como la pérdida de empresas, los cientos de locales comerciales cerrados que hay en el municipio, la pérdida de población o el lamentable estado que presentan los polígonos industriales (firme y aceras)? Lo digo, más que nada, porque es por lo que cobra una dedicación exclusiva el Sr. Villamar, no por pedir conciertos económicos.