Dores Tembrás volta a San Sadurniño para falar de «Elas. Poesía de muller» e de Penélope

Dores Tembras cos alumnos – Concello de San Sadurniño

Dores Tembrás forma parte da remesa de escritores e escritoras chamadas a continuar co difícil labor de escribir poesía e de facelo, ademais, en galego. Tembrás é poeta. Pero tamén editora a través do proxecto O Apiario –en colaboración con Antía Otero– que tamén serve de plataforma para achegar o oficio da escrita a quen queira aprendelo. Dores voltou neste día a San Sadurniño para falarlle á rapazada do CPI de poesía e de muller nun obradoiro que iniciou aos mozos e mozas na técnica, pero tamén na reflexión sobre a creación literaria feminina ao longo da historia.

Dores Tembrás empezou o obradoiro explicando que as súas raíces familiares se asentan dun lado en terras de San Sadurniño –en Ferreira concretamente– e que o seu primeiro poemario publicado, O Pouso do fume (Espiral Maior, 2009), se localiza aquí nunha parte. De aí que digamos «volta» e non «vén» a San Sadurniño, xa que Tembrás é da casa malia nacer fóra.

Diante dela tivo rapaces e rapazas de 3º da ESO do CPI de San Sadurniño para participaren en «Elas. Poesía de muller«, unha sesión «concibida para aproximarnos a unha escolma de importantes autoras que permitirá analizar de perto o seu traballo poético e as características da súa escrita» dentro da poesía galega contemporánea. Cousa difícil diante dun auditorio pouco afeito a ler poesía e menos en galego.

Con todo, Tembrás foi quen de conectar con elas e eles facéndolles dicir primeiro todos os nomes de poetas que fosen capaces de recordar para, despois, reflexionar sobre cantos deles eran nomes de muller e as razóns de que sexan tan poucos ao longo da historia. Entre os motivos, un, seguramente o de máis peso: o patriarcado sociocultural que sempre mantivo á raia a posibilidade de que a muller se expresase artisticamente –e, polo tanto, de que quedase constancia da súa creatividade– e o feito de que a historia e os libros que a explican tamén obedeceron tradicionalmente aos ditames dese mesmo patriarcado.

Tembrás non o dixo así. De feito non tivo falla de dicilo senón que promoveu o debate entre os mozos e mozas para que fosen quen chegasen por si a esa conclusión precisándolles, iso si, que esa realidade «pouco a pouco está mudando» con nomes coma o dela, o de Antía Otero, o de Iolanda Castaño, o de María do Cebreiro, o de Estíbaliz Espinosa… e o de tantas outras de agora e de antes.

Alén da poesía en feminino, «Elas. Poesía de muller» tamén abordou o proceso literario en si. Un proceso para o que se fai falla don e técnica. O primeiro tense ou non se ten, e o segundo pode adquirirse e quizáis sexa o máis útil para escribir poesía. Dores Tembrás destaca que a escrita poética se cadra ten máis dificultade que a de calquera outra disciplina literaria posto que debe captar á primeira a atención de quen le. «O autor ou autora xógase todo a unha soa palabra«, asegurou a escritora.

A escritora botou a mañá co alumnado de 3º e parte da tarde co de 4º da ESO falando tamén de poesía e de técnica poética botando man de Penélope como «figura mundamental que transita a literatura universal«, incluída a galega. Ocupáronse dela Rosalía de Castro, Cunqueiro, Xohana Torres, María Rosendo, Xosé Mª Díaz Castro, Carmen Blanco… Un persoeiro mítico e complexo, que non admite análises planas, abordado tamén pola pintura, a escultura, a música e outras intervencións artísticas ás que tamén deberon contribuír os rapaces e rapazas cos seus propios textos.

Estas actividades desenvolvidas no colexio encádranse na programación da biblioteca municipal e do departamento de Igualdade en colaboración co centro de ensino, xa que atenden tanto á celebración do Día Internacional da Poesía –o pasado 21 de marzo– como ao Día Internacional da Muller –8 de marzo– que en San Sadurniño se adiou para finais deste mes e principios de abril.

Cómpre lembrar que este venres ás 18.00h. a Casa da Xuventude acollerá a presentación do libro «Máis aló do azul e do rosa» de Ana Torres Jack e que o sábado á mesma hora se desenvolverá o acto central co gallo do Día da Muller na Casa da Cultura.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …