San Sadurniño súmase este mércores ao Paro Internacional de Mulleres

A área de Igualdade de San Sadurniño volve adiar este ano os actos centrais do Día Internacional da Muller levándoos ao último sábado de mes como maneira de concienciar sobre unha loita polos dereitos femininos que debe facerse todos os días do ano. Deste xeito, o 25 de marzo concentrará as accións simbólicas coas que reivindicar unha sociedade igualitaria, aínda que antes e despois desa data haberá máis iniciativas. A primeira será a publicación este mércores da declaración institucional aprobada no pleno ordinario de marzo, acompañada dunha concentración silenciosa diante da Casa do Concello ás 12.00h coa que o consistorio se sumará ao Paro Internacional de Mulleres. Ademais, tamén están previstas actividades en colaboración co centro de ensino, un dos focos de atención prioritaria das políticas municipais en materia de igualdade.

O acto conmemorativo do Día da Muller 2017 terá lugar o sábado 25 de marzo a partir das 18.00h. na Casa da Cultura do Concello e contará cun marcado protagonismo para o audiovisual. E é que a primeira proposta da tarde consistirá na visualización da peza «Ocultas na paisaxe«, da realizadora pontesa Sabela Pernas. Trátase dun ensaio visual que presenta detalles da pel de varias mulleres de San Sadurniño a semellanza de montañas, vales e ríos moldeados polo paso do tempo. Será a propia directora quen presente a curta, realizada no marco do Chanfaina Lab.

Tras este pase, outro tamén protagonizado por mulleres que, neste caso, se converteron en youtubeiras rompendo todo tipo de prexuízos. Cruz Piñón, Carmen Bouza, Lucía Pita, Consuelo Picos e Carmen Couce son as artífices de «Teño unha horta en San Sadurniño«, un proxecto audiovisual –e tamén de inclusión dixital en feminino– impulsado pola técnica Carmen Suárez que pon en valor a tradición e o traballo da muller no rural a través da novas tecnoloxías. Cada unha delas exporá o que lle está supoñendo a experiencia, que xunta xa varios milleiros de reproducións en youtube.

Preto das 18.30h. a ilusionista Fani Triana mostrará o seu espectáculo «Maxia pola igualdade» que mestura fantasías con obxectos cotiáns cun único obxectivo: mostrar a intuición e a forza física e mental das mulleres, a mesma coa que levan loitando décadas polos seus dereitos.

Logo da maxia volverá o audiovisual coa proxección de «Mulleres que fixeron historia«, froito dun traballo de investigación do alumnado da ESO do CPI que, ademais, ten unha parte expositiva. A mostra visibiliza mulleres fundamentais para a evolución da ciencia, a política ou as artes que, malia todo, aínda permanecen ocultas polo patriarcado sociocultural que tradicionalmente escribiu a historia. A exposición estará no centro de ensino até o 22 de marzo e ao día seguinte pasará á Casa da Cultura.

A tarde do 25 pechará coa actuación do grupo folc Quenindiole, formado hai escasamente un ano por varias nenas e nenos da comarca.

Máis eventos

Malia que a programación co gallo do 8 de marzo terá o seu acto central o 25, en realidade as xornadas reivindicativas xa comezarán antes e prolongaranse ata despois dese día. De feito, o arranque será o propio 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Ás 12.00h. está prevista unha concentración diante da Casa do Concello na que se lerá a declaración institucional consensuada polos grupos políticos municipais. Un acto simbólico a través do que, ademais, San Sadurniño tamén se sumará ao Paro Internacional de Mulleres 8-M en resposta á violencia social, legal, política, económica, moral e verbal que experimenta a muller contemporánea en diversas latitudes do planeta.

Pola súa banda, a Biblioteca Municipal ten preparados para a mañá do 23 de marzo dous obradoiros de creación de poesía en feminino para alumnado de 3º e 4º da ESO, impartidos pola poeta con raíces en San Sadurniño, Dores Tembrás.

Seguindo no ámbito literario, ao día seguinte –venres 24– a Casa da Xuventude acollerá a partir das 18.00h. a presentación do libro «Máis aló do azul e do rosa«, de Ana Torres Jack. O evento contará coa presenza da autora e do Director Xeral de Galaxia, Francisco Castro.

Xa en abril –e con data aínda por concretar– a Biblioteca Municipal combinará a igualdade co fomento da lectura cos contacontos «Rosa Caramelo» e «Dada o duende«, no primeiro caso para nenos e nenas de 3 a 6 anos e no segundo para rapazada de 8 a 10.

Tamén en abril –día 7 pola mañá– proxectaráselle ao alumnado da ESO do colexio o documental «Contra os elementos«, producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. A obra pretende visualizar o deporte feminino na provincia da Coruña «amosando a realidade das deportistas galegas, reivindicar a proxección deportiva das deportistas de elite e apoiar os deportes minoritarios e de base, axudar a crear iconas femininas que sexan referentes para o fomento da práctica deportiva entre as mulleres en igualdade de oportunidades, rachando estereotipos de xénero impostos na sociedade«.

Verónica Boquete, Marta Brañas, Mónica Castelo, Mari Carmen Garcia, Sofía Toro, Isabel Gundín, Paula Mayobre, Thais Pazos, Alicia Sadia, Ruth Ballesteros, Elena González e María José Mosquera protagonizan cos seus testemuños e os seus exemplos a peza realizada pola produtora Esferobite. Alomenos unha delas estará ese día en San Sadurniño para explicarlle á mocidade a súa experiencia «contra os elementos«.

Lea también

Una conductora accidentada al colisionar dos vehículos en Franza, Mugardos

Sobre las nueve y media de la mañana de este jueves, día 21, se registró …