Aldea Nova acollerá o “X Encontro de debate sobre o medio rural galego”

Julia Montero, José Manuel Blanco y José Lastra na presentación – Concello de Narón

O grupo de Educación no Rural de Nova Escola Galega (NEG) e o Concello de Narón organizan a décima edición do “Encontro de debate sobre o medio rural galego. Na procura dun plan de educación específico para o rural”. A convocatoria desenvolverase os días 31 de marzo e 1 e 2 de abril nas instalacións do Parque Temático do mundo rural Aldea Nova (Lagoela s/n), na parroquia naronesa de Sedes, e diríxese a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias, Anpas ou persoas a título particular preocupadas polo futuro do medio rural. O alcalde, José Manuel Blanco, presentou o acto acompañado polo vicepresidente de NEG, Xosé Lastra; a presidenta da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, Julia Montero, e persoal de diversos colectivos que colaboran no evento. Tanto desde NEG como desde a AVV Rosa dos Ventos de Sedes agradeceron a colaboración do Concello neste acto.

A convocatoria consta de catro bloques, que se iniciará o 31 de marzo ás 17.30 horas, coa inauguración do citado Encontro –media hora antes comezará a repartirse o material-, a cargo de representantes de NEG, da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, do Ateneo Aldeán, do colectivo Fororuralgalicián, do Concello de Narón e do CRA de Narón. Obradoiros, programas de desenvolvemento rural, mesas abertas sobre o valor do monte, relatorios sobre as potencialidades de Aldea Nova e das necesidades de plans específicos para o rural, visita guiada a Aldea Nova e moitas outras propostas forman o programa deste “X Encontro de debate sobre o Medio Rural Galego”, que continuará o 1 de abril todo o día e rematará o día 2 pola mañá.

Dentro da dinámica destes encontros pareceumos moi oportuno facelo nesta ocasión en Narón, porque conta cunha iniciativa singular, que é Aldea Nova, un lugar moi axeitado para isto e que é moi interesante que se exporte a outros concellos de Galicia a modo de exemplo”, destacou Lastra. Así mesmo, o vicepresidente de NEG fixo un chamamento á xente interesada pola problemática do rural para que participe neste tipo de iniciativas que, indicou, “son moi necesarias para que o rural galego conte cun Plan Rural específico”. “É necesario un plan integral de educación que conte co respaldo sobre todo de quen ten responsabilidades de goberno na Xunta de Galicia para constituír no rural polos de atracción e desenvolvemento que revirtan o despoboamento e o abandono destes núcleos, dada a riqueza que ten Galicia nesa área e que sería improcedente seguir deixándoa morrer”, apuntou Lastra.

Os representantes dos veciños de Sedes valoraron o feito de que Nova Escola Galega apostara por Narón para desenvolver a iniciativa proposta no municipio.

Pola súa parte, o alcalde, José Manuel Blanco, valorou outras experiencias do Concello de Narón con NEG –como por exemplo a lei pioneira de colexios rurais aprobada no Parlamento, a instancias do exalcalde naronés Antonio Martínez Aneiros-. “Estamos dispostos á colaboración con ideas novas, con adaptacións, con este tipo de ideas e encontros relacionados co ensino neste caso, apoiando estas iniciativas porque son fundamentais en Galicia”. O rexedor local agradeceu a colaboración da veciñanza de Sedes nestes encontros porque, dixo, “se non se implican é moi difícil chegar ao Concello, que pode aportar cartos, instalacións, moitas cousas, pero se non está detrás a xente que o impulse e traballe alí e participe pouco iba poder facer”. Blanco indicou que “aqueles que están máis cercanos ao bache ou a problemas de infraestruturas e pensen que colaborar nestes encontros é tirar os cartos, que había que adicalos máis a outras cousas en vigor, que aínda que non son competencias municipais, como algúns temas de educación e sanidade, nós iso xa o asumimos, porque ao final os que o sofren son os veciños e as veciñas. Por iso, lles guste ou non, pídolles que entendan que tamén hai que gastar cartos nestes encontros e nós desde o Concello imos estar aí colaborando con todos os que traballan nese camiño da educación e, sobre todo, da rural”.

A organización do evento solicitou unha homologación para a convocatoria como actividade de formación do profesorado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con quince horas formativas.

As persoas intesadas en matricularse poden facelo ata o vindeiro 27 de marzo, enviando por correo electrónico un formulario e o xustificante bancario do pago da cuota que é de 25 euros para os socios de Nova Escola Galega, estudantes e desempregados/as, se ben para o resto de asistentes será de 35 euros. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 562 577 ou escribir á dirección: neg@neg.gal. Tamén se pode obter máis información a través da páxina web: www.neg.gal, donde se recolle o programa completo, entre outras informacións e se pode descargar a folla de inscrición nesta convocatoria.

Lea también

El BNG de Mugardos insiste en la creación de un gobierno de izquierdas y llama al PSOE a unirse al mismo

El Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Mugardos acaba de hacer pública la última propuesta que …