É a segunda estrea en youtube deste proxecto audiovisual está protagonizada polas xemelgas Lara e Noa Castro, autoras dunha curta que racha con todo, mesmo coas convencións visuais do cine. As irmás Castro son dúas mozas con moito fondo conceptual, habilidade narrativa e intencionalidade visual que forzan o noso «ollo cobizoso» a mirar a paisaxe de San Sadurniño dun xeito distinto.
A peza -titulada precisamente «O ollo cobizoso«- combina son ambiente e imaxe montada sen ningún tipo de artificio. Iso si, todo está gravado en vertical. Oprobio audiovisual á mantenta e sinónimo de anatema na comunidade da imaxe que Lara e Noa reivindican sen complexos e, aínda por riba, facéndoo atractivo.
Quen pense que as realizadoras se limitaron a deitar a cámara e a darlle ao rec equivócanse de cabo a rabo. Todo está medido e todo está equilibrado. E é que facer que o ollo se axeite aos encadres verticais esixe, en primeiro lugar, que quen toma a imaxe a compoña ao revés de como lle ensinaron e ao revés de como é o noso mundo apaisado. E despois está a elección das escenas para que sexan rechamantes e para que comuniquen algo: desacougo, placidez, alegría…etc. xogando co peso visual dos elementos.
Esta é unha das ducias de análises que se poden facer logo de ver e meditar sobre «O ollo cobizoso«. Noa e Lara Castro –18 anos recén feitos, tamén poetas, debuxantes e estudantes de Belas Artes en Pontevedra– non analizan, fan con humildade o que lles chama a atención. Durante os dous días de gravación no mes de setembro movíanse polo territorio dun xeito un tanto misterioso, andando moito, mirando moito e falando o xusto mentres, de vez en cando, tiraban de cámara para captar un instante. E logo cámara á bolsa de novo.
Marcharon de San Sadurniño cunha chea de retallos da paisaxe. E a palabra retallo é a máis acaída, como «anaco que queda dunha cousa despois de cortala» segundo o dicionario da RAG. Porque iso foi o que elas fixeron, cortar en anacos verticais a paisaxe deitada e despois servírnola aderezada con son ambiental e de maneira que un eucaliptal pode semellar unha escada a non se sabe onde, un prado tornarse a parede dun abismo estarrecedor e o fume da cheminea de Intasa unha cascada etérea.
Cadaquén que pense o que lle pete, tal e como as autoras suxeriron na presentación da súa peza na Casa da Cultura. «A curta comezou sendo unha cousa bastante diferente do que acabou sendo. Intentando darlle unha volta ás cousas fixemos unha peza que pretende incomodar e ser antinatural. A ver o que vos dí a cada un de vós«.
Na sinopse da obra que figura en Fálame de San Sadurniño, as irmás Castro esténdense un pouco máis: «é unha proposta experimental que nun principio pretendía ser unha ollada encaprichada do potencial estético do natural e do cotiá, pero que acabou converténdose nunha reflexión visual e auditiva, sobre a paisaxe, a urbanización, a tranquilidade e outros aspectos da vida que tratamos de revirar e reinterpretar, deformando o que vemos para amosar outras cousas ou quizais as mesmas, pero que aparecen cambiadas de forma incómoda e incluso abafante, co obxectivo cobizoso de que algún que outro ollo bote fume.«
Manolo González –un dos impulsores do Chanfaina lab e, ao tempo, exprofesor da Noa e Lara– destaca en Fálame de San Sadurniño «o seu talento e calidade humana» mentres traza unha breve biografía das irmás describíndoas como «artistas totais de inmenso futuro» que, malia a súa xuventude, teñen «unha dilatada traxectoria creadora que comezou con premios literarios cando tiñan nove anos de idade e agromou en diferentes disciplinas artísticas ao longo dos últimos dez anos.«
Segundo González, a súa madurez creadora «fica patente en pezas producidas mentres estudaban o Bacharelato e relacionadas coa Historia de España como «Escravo», «Belle époque ?» ou «Fernando VII» entre outras«. O último premio foi no pasado decembro de 2016 no concurso de «Prevención de condutas aditivas» do Concello de Pontevedra coa curta «Non queiras«.