A Deputación da Coruña presenta ‘Saudade’ 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín

Fortalecer a identidade gastronómica da provincia da Coruña e fomentar a súa promoción en todo o Estado é o principal obxectivo do proxecto ‘Saudade’, presentado polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, na praza de Abastos compostelá, nun acto no que tamén participaron os chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras Carmela Cano, de Queixo Galmesán e Graciela Castro, de Chichalovers, que fomarán parte da programación deste evento.

Xosé Regueira, acompañado dos chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras locais de Queixo Galmesán Chichalovers

13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín

O proxecto desenvolverase os próximos días 14 e 15 de xullo en diferentes puntos da provincia (Santa Comba, Santiago, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco), e contará coa participación dun selecto grupo de reputados e reputadas chefs de todo o Estado, que suman máis de 20 estrelas Michelín, e que viaxarán á provincia da Coruña para explorar, descubrir e mergullarse nos recursos gastronómicos e os produtos autóctonos que fan único o territorio.

Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla, varios con 2 e 3 estrelas Michelin, son os grandes nomes que participarán no evento, e aos que acompañarán xornalistas e prescritores e prescritoras de prestixio do ámbito gastronómico.

“Temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio”

O vicepresidente, Xosé Regueira, explicou o obxectivo do evento: “Poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia. E celebrar que seguimos sendo un territorio con identidade, auténtico e gastronómico grazas ao noso sector agroalimentario”. Así, sinalou que “os chefs que non veñen a cociñar, senón a maridar territorio, produto, gastronomía” en liña coa estratexia turística da Deputación, “que aposta polo que fomos, somos e queremos ser”.

Neste sentido apuntou a “un futuro sustentable, de cociña de alta calidade e de compromiso co territorio” e fixo referencia ao propio termo de ‘saudade’, “reivindicando de onde vimos e poñendo en valor a xente que nos trouxo ata aquí, que fixo deste país un territorio produtivo de primeiro nivel”. Ademais, apuntou que o evento servirá para reflexionar “sobre a necesidade de non perder a nosa identidade, protexer o que temos e velar polo futuro do planeta” xa que “temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio”.

Os chefs e produtoras asistentes agradeceron o traballo da Deputación da Coruña. “Somos a parte de Galicia que máis se move en prol da gastronomía e do territorio porque hai xente detrás que ten ese sentimento e paixón por todo o que nos rodea”, sinalou Lucía Freitas. “E boa mostra diso é Saudade. Para min esto é o futuro; a mellor maneira de fomentar os produtos, os lugares e produtores é a través de convivencias como esta, para que os asistentes poidan respirar e vivir como nos, probar produtos e ser suscritores”. Manolo Costiña puxo en valor o traballo dos produtores “que temos que mimar e coidar, e preocuparnos de que Galicia sexa a despensa en produtos de alta calidade”. Neste sentido, sinalou que no seu caso “o que máis lle sorprende á xente que nos visita é a materia prima que temos ao redor”.

Pola súa banda, Graciela Castro, de Chichalovers, destacou que é “unha forma marabillosa de darlle visibilidade a proxectos como o noso. É moi importante poñer en valor territorio e cultura, seguir traballando polo noso e amosalo ao mundo, e que se vexa o traballo o que hai detrás e todo o que se pode facer volvendo a terra”. Carmela Cano, de queixo Galmesán, salientou a “visión” da Deputación “de aunar territorio, produto e gastronomía como unha fonte de riqueza”, así como a aposta por pequenos produtores “permitíndonos ocupar espazos que doutro xeito non poderiamos”. Carmela tamén celebrou “a riqueza da provincia, que nos permite falar do territorio a través dos produtos”.

Primeira xornada, adicada ao mar, no Barbanza

Haberá dúas xornadas temáticas, unha dedicada ao mar e outra á terra. Así, os participantes poderán vivir de preto o luns 14 o proceso de captura e preparación dos mellores produtos do mar, desde a súa orixe ata a mesa. Para iso visitarán durante a tarde (17.00 horas), a lonxa de Ribeira e gozarán dunha experiencia marítima a cargo dun bateeiro, onde tomarán contacto co proceso de cultivo do mexillón. A xornada completarase cunha visita á adega Entre os ríos, na Pobra do Caramiñal, na que haberá unha cata de viño maridada con conservas, unha comida no corazón da comarca do Barbanza e unha cea no Mercado de Abastos de Compostela.

Segunda xornada, adicada á terra, en Bergantiños

En canto á xornada do día 15, dedicada á terra, terá lugar en Coristanco; e as actividades previstas poñerán en valor os produtos do campo, dando a coñecer tamén os procesos de cultivo sostible e o seu papel na gastronomía contemporánea. Así, o programa inclúe un encontro con produtores locais da provincia, profesionais do sector e chefs para compartir e intercambiar opinións e experiencias.

Haberá unha primeira mesa de debate, ás 12.00 horas, sobre ‘Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria’, na que participarán o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo.

A continuación, ás 12.30 horas, celebrarase unha segunda mesa de debate ao redor do tema ‘Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional’, na que participarán os chefs Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex. A xornada finalizará cunha comida tradicional.

Un proxecto, en definitiva, deseñado para resaltar a excelencia e diversidade dos produtos locais, e que brindará aos participantes a oportunidade de vivir unha experiencia sensorial única, permitíndolles conectarse coa orixe e a elaboración de cada ingrediente.

Entre as empresas participantes figuran A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte. 

Lea también

La plaza del Inferniño continúa siendo escenario de enfrentamientos. Los vecinos urgen que se tomen medidas en firme

Lo que ocurre con la Plaza del Inferniño es de película, pero de las malas. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *