Narón programa varios actos para conmemorar o Día Internacional das Mulleres

Presentación do programa – Concello de Narón

As concelleiras de Igualdade e Bibliotecas, Teresa Sabio e Mercedes Taibo, respectivamente, presentaron esta mañá en rolda de prensa xunto con Rocío Rodríguez, representante da Asociación de Comerciantes de Narón, os actos programados polo Concello con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. A programación prevista polo goberno local, e que tamén inclúe á área de Cultura, iniciarase o propio día 8 do vindeiro mes, coa tradicional homenaxe á Muller do Ano 2017cuxo nome non se anunciará con anterioridade, ao tratarse dunha sorpresa para a elixida– que dará comezo ás 12.00 horas no Consistorio. Ese mesmo día, coa chegada da noite, iluminarase de cor malva o exterior do Pazo da Cultura, tal e como avanzou a responsable da concellería de Cultura, Marián Ferreiro.

Na xornada do 9 de marzo terá lugar na Biblioteca municipal, apuntou Taibo, a presentación do libro “Machismos: de micro nada”, a partir das 19.00 horas. Trátase dunha publicación xa editada por Embora, apuntou a edil, e escrita por Fiadeiras, un colectivo de mulleres “bravas”, dixo, pertencentes ao Grupo de Traballo en Igualdade do Ceesg (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia). A concelleira de Bibliotecas destacou a importancia de dar relevancia á conmemoración desta data, subliñando que “todas as actividades que impulsemos desde as administracións a prol da igualdade son moi relevantes”. A edil apuntou que ao acto está convidada a cidadanía en xeral, pero tamén os centros de ensino, aos que se lles enviará un libro para que poidan traballar con esta temática co seu alumnado.

A tradicional Cea das Mulleres terá lugar este ano o día 10 de marzo, no Restaurante A Roldana (polígono Río do Pozo), a partir das 21.30 horas. A concelleira de Igualdade explicou que os tickets para poder asistir –que teñen un prezo de 18 euros– poden adquirirse xa no propio establecemento hostaleiro. O menú será a base de pizza, empanada, polbo, lacón asado, tarta, café e chupito e tamén haberá unha actuación musical. Nesta Cea das Mulleres tamén se homenaxeará novamente á Muller do Ano de Narón, que estará acompañada nesta ocasión de todas aquelas mulleres que queiran sumarse ao recoñecemento a través da asistencia a este evento.

Por último, o 16 de marzo desenvolverase no Centro Cívico Social da Gándara un obradoiro informativo, a cargo do Servizo de atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero. Dará comezo ás 18.00 horas e estará aberto á participación da cidadanía en xeral, tal e como recordou Sabio. “No Concello hai unha nova psicóloga e un punto de atención psicolóxica para que as vítimas que padecen esta lacra poidan recibir a atención que precisen e que se poida proporcionar desde a administración local”.

A maiores dos actos indicados, haberá unha colaboración –a modo de sensibilización– coa Asociación de Comerciantes de Narón, que agradeceron desde o Concello e tamén valorou a representante da entidade presente hoxe na rolda de prensa. O día 8 de marzo os establecementos comerciais da citada entidade repartirán aos clientes coas súas compras unhas bolsas de papel nas que se poderá ler o lema: “Mulleres e homes por igual”. En total, repartiranse seiscentas bolsas.

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …

Un comentario

  1. Martinho Nogueira

    Concejala de BIBLIOTECAS. Ahí es nada. Cualquier día en Narón nombran a un concejal delegado de casetas de turismo (que sólo hay una). O concejal delegado de molinos en ruina. O concejal delegado de la marquesina de bus que hay delante del ayuntamiento…