A iniciativa reunirá no centro cívico social grupos de ata 12 persoas maiores de 70 anos para pasar a tarde en compañía. As sesións serán os luns e os domingos, de 17:00 a 19:00 horas, do 26 de outubro ao 30 de novembro.
O Concello de Narón pon en marcha na parroquia de Pedroso o programa “Volver compartir a vida”, unha iniciativa municipal do Servizo Sociocomunitario pensada para previr a soidade non desexada.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, presentou esta proposta de tardes de encontro dirixida a persoas maiores de 70 anos, que comeza o 26 de outubro no centro cívico social de Pedroso.
As sesións terán lugar os luns e os domingos, de 17:00 a 19:00 horas, ata o 30 de novembro. Será un grupo pequeno, de ata 12 persoas, para pasar a tarde en compañía e con tempo para se coñecer. Non hai requisitos previos: “Non fai falta saber nada nin traer nada. Só ter ganas de vir”, segundo reza o lema da actividade.
O programa baséase nunha metodoloxía grupal, participativa e centrada en cada persoa. Nas sesións combinaranse a conversa e o coñecemento mutuo entre as persoas participantes con dinámicas de grupo, actividades creativas, exercicios para manter a memoria en forma e momentos de lecer. Tamén haberá espazo para recordar historias de toda a vida, falar do día a día e recuperar aquelas actividades que antes facían sentir ben a cada quen e que co tempo se foron deixando.
A concelleira de Benestar Social subliñou que “a soidade non desexada non sempre se observa, pero está moito máis presente do que pensamos”. María Lorenzo explicou que co programa se quere “ofrecer un lugar onde chegar, conversar e sentirse acompañado a quen o necesite, sen presións nin obrigas”. E engadiu: “Do que se trata é de que ninguén sinta que a súa tarde pasa sen que ninguén o note”.
A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas.
As persoas interesadas poden obter información e inscribirse no teléfono do Concello de Narón, 981 337 700, nas extensións 1108 e 1109, ou no móbil 698 122 420
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
