O Padroado da Cultura e a Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos organizan un ano máis este evento, que se completa o día 30 coa proxección de “Monstruos, S. A.” no Pazo da Cultura.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, presentou a programación do Samaín xunto con María Porto, da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, e Alberto Pena, do Cineclube Serie B.
A celebración terá lugar o mesmo día de Defuntos, o vindeiro sábado 31 de outubro, no Centro Cívico Social de San Mateo de Trasancos e nas súas inmediacións, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.As propostas darán comezo ás 18.00 horas, coa inauguración dunha exposición de cabazas e co obradoiro de cabazas e xogos temáticos do Samaín, aberto a todas as persoas que queiran participar.
Ás 18.45, abrirá as súas portas a Casa do Terror, que se poderá visitar ata as 23.00 horas. Ás 19.00 horas sairá a Comitiva das Luces e Tebras, o paseo con candeas que ano tras ano enche de luz e de sustos as inmediacións do centro cívico.
A música principiará ás 19.30 horas con A Banda do Verán.
Ás 20.15 horas, a Agrupación Veciñal de San Mateo ofrecerá unha degustación de caldo e liscos, coa ración a 2,5 euros.
O concerto rematará ás 20.30 horas, pero a festa seguirá na carpa, onde a música manterá o ambiente ata as 23.00 horas.
Ferreiro convidou a achegarse a San Mateo para celebrar esta data e destacou que “o Samaín é unha das citas máis queridas do calendario de Narón, e en San Mateo ten un ambiente especial grazas ao traballo da veciñanza”. Pola súa banda, María Porto, animou a participar nunha xornada “pensada para que veñan pasalo ben familias enteiras”.
Samaín de Cine
O día anterior, o venres 30 de outubro, o Pazo da Cultura acolle ás 19.00 horas a proxección da película de Píxar “Monstruos, S. A.”, dentro do ciclo Samaín de Cine que organiza o Cineclube Serie B Cidade de Narón co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia.
A entrada é de balde.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

