Narón conmemorará o Día Internacional das persoas con diversidade funcional

As concelleiras de Igualdade e Acción Social, Teresa Sabio e Catalina García, respectivamente, presentaron hoxe a Mostra interactiva sobre inclusión social de diversos colectivos. Estiveron presentes no acto representantes de diversas asociacións que participarán nesta iniciativa, coa que desde o Concello se conmemorará o Día Internacional das persoas con diversidade funcional –que é o 3 de decembro-. A programación deseñada para a ocasión contempla actividades destinadas a alumnado da localidade e tamén para o público en xeral e terán lugar en centros escolares e nas instalacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón.

A Asociación ASCM, e os colectivos Vida Activa, Aspanaes, Aspanemi, Chamorro, Aspaneps, Cogami, Afaes, Teima, Fademga, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas, Asociación de Persoas Xordas de Ferrol e o centro residencial e unidade de día Santa Ángela de la Cruz (Apascide, para persoas con sordocegueira) participan activamente nesta convocatoria impulsada desde o Concello. As edís naronesas explicaron que un dos obxectivos da Mostra Interactiva sobre inclusión social de diversos colectivos é «dar a coñecer á sociedade eses colectivos desde unha perspectiva xeral e inclusiva, dando visibilidade ás diferentes especialidades e divulgando as súas problemáticas sen recurrir a victimismos».

Nos primeiros días de decembro comezarase a traballar cos escolares da localidade, que participarán en varios obradoiros relacionados coa diversidade funcional. No colexio Jorge Juan alumnado de sexto de Primaria asistirá aos de Baile, Fútbol e Baloncesto, en colaboración coa asociación Vida Activa; no centro de Piñeiros impartiranse: Ponte no meu lugar, con Aspaneps, e Diversidade, tolerancia, dereitos e oportunidades, con Cogami e no Santiago Apóstol os de Ponte no meu lugar e Inclusión das persoas con discapacidade, coas citadas asociación, respectivamente. Ademais, alumnado de sexto de Primaria do colexio Jorge Juan realizará un mural, baixo o lema Todos e todas somos parte dun colectivo con diversidades funcionais, que se exporá en Odeón a partir do 30 de novembro e ata o día 2 de decembro, tal e como indicaron desde a organización.

Así mesmo, os días 1 e 2 de decembro desenvolverase en Odeón unha serie de actividades. O xoves día 1 programouse unha mesa informativa sobre Modificación da capacidade e tutela, na que intervirán Moisés Lamigueiro, responsable do Programa de Atención ás Familias de Fademga; María José Fernández, avogada de Fademga; José Luis Oñate, responsable da área de Traballo Social e do programa de Familias da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. Dará comezo ás 16:30 horas, se ben a presentación oficial da convocatoria será ás 16:15. Unha vez rematada a primeira mesa redonda e tras unha pausa, sobre as 18:15 horas, comezará unha mesa informativa a cargo de Rocío Torres, directora da residencia Santa Ángela de la Cruz, que informará aos asistentes sobre o proxecto educativo e os servizos do centro, e de Cristina Casteleiro, nai dun neno con diversidade funcional de Narón, que falará da Vivencia do nacemento de Lucas. Tanto a Mesa redonda das 16:30 como a informativa prevista para as 18:15 horas teñen un aforo limitado a cen persoas, debido á capacidade do local no que se desenvolverán –na pranta baixa, na que se ubicaba ata hai uns meses a firma Oysho-.

Na xornada do venres, día 2, a actividade comezará ás 10 horas coa apertura nunha das plazoletas da planta baixa de Odeón de stands informativos das distintas asociacións de diversidade funcional. Permanecerán abertos ata as 14 horas e reabrirán pola tarde, de 16 a 20 horas. Tamén pola tarde, entre as 18 e as 19:30 haberá uns obradoiros interactivos con finalidade lúdica e educativa monitorizados polas diversas entidades participantes, e aos que poderán asistir as persoas que o desexen. Os actos programados rematarán ás 20 horas.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …