Na época da Ilustración a Coroa favoreceu nos portos habilitados para o comercio marítimo a presenza de dúas institucións, os Consulados do Mar e as Sociedades Económicas de Amigos del País, como medios de fomento do comercio e de estímulo da industria e as actividades económicas.
No que atinxe ao Consulado Marítimo, en primeiro lugar o Concello ferrolán o ano 1797, e o seguinte ano 1798, os comerciantes de Ferrol, encabezados por Ventura Taxoneira e Juan Lambeye, encargaron ao ilustrado ferrolán Juan José Caaamaño y Pardo, na súa calidade de membro do Real Consulado Marítimo da Coruña, que xestionase en Madrid o establecemento da devandita institución en Ferrol.
En Decembro de 1799 unha Real Cédula de Carlos IV autorizaba a erección dun Consulado Marítimo e Terrestre na Real Vila de Ferrol, con xurisdición sobre Ferrol e o resto de portos do Bispado de Mondoñedo. Na Cédula nomeábase Prior vitalicio da institución a Juan José Caamaño y Pardo, e como Cónsules Ventura Taxonera e Ángel García, Consiliarios pola clase de Facendados ao Marqués de San Sadurniño e José María Bermúdez, polos Comerciantes a Ramón Monge e Francisco Casanova, polos Fabricantes a Juan Lambeye e polos Navieiros a Josef Aguirre.
Este Consulado tivo una vida efémera. Unha Real Orde de Xuño do ano 1803, remitida aos Deputados do Comercio da Cidade e Porto de Ferrol, anulaba o establecemento do mesmo na praza de Ferrol.
Sociedade de Amigos do País
Máis tarde rexistrouse o intento frustrado de crear en Ferrol unha Sociedade de Amigos do País, constando no Arquivo Municipal un expediente do ano 1813 para a súa creación de acordo a un «Decreto de las Cortes Generales y Extraordinarias» de 17 de Xuño, tomando como referencia a preexistente en Santiago desde o ano 1784.
Nunha sesión municipal extraordinaria celebrada o seguinte día 5 de Outubro de 1813, presidida polo Alcalde Pedro González de Carbajal, sentáronse as bases de constitución da entidade. Formaban parte dela trinta e tres persoas da burguesía ferrolá, entre outras o Deputado en Cortes José Alonso y López; o abogado Ventura Taxonera; o Director da Fábrica de Moeda de Xuvia Andrés Antelo; o Mestre de Debuxo Agustín Robles; o Capitán de Navío Manuel Herrera; o Marqués de San Sadurniño; o Conde de Altamira Joseph M. Moscoso; o comerciante Jayme Domenech e o Intendente de Mariña Francisco Roldán, que foi elixido Presidente da Institución.
Do mesmo xeito que pasou co Consulado, esta Sociedade tivo unha curta vida, sendo así que segundo escribe o historiador local Leandro de Saralegui a devandita Sociedade «quedó extinguida» o seguinte 4 de Agosto de 1814.
Como resumo do exposto, pódese afirmar que dúas importantes institucións da época da Ilustración, tanto o Consulado Marítimo e Terrestre como a Sociedade de Amigos do País, por diferentes razóns non chegaron a arraigar de xeito definitivo na urbe ferrolá.
Pola transcrición Juan J. Burgoa