O Concello de Narón licita os traballos de mantemento, conservación e reparación das áreas de xogo infantís e parques biosaudables de uso público e de titularidade municipal. O contrato a rubricar terá unha vixencia de dous anos, entre 2016 e 2018 con posibilidade de prórroga, e suporá un investimento máximo de 200.000 euros (IVE incluído), tal e como indicou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla.
As empresas adxudicatarias poden presentar as ofertas no Rexistro Municipal do Concello, en horario de 8:30 a 13 horas ou por correo ordinario, á dirección Praza de Galicia s/n. A compañía adxudicataria deberá manter nas condicións óptimas as 52 zonas de xogo infantís e os 14 parques biosaudables localizados no termo municipal, tal e como apuntou o edil. As bases completas da convocatoria poden consultarse na páxina: www.naron.es.
«O Concello de Narón dispón dunha importante cantidade de áreas de xogo para os nenos e nenas, que nos últimos anos se foron complementando con parques biosaudables tanto no núcleo urbano como na zona rural», explicou Santalla. O edil subliñou a importancia de «manter estas áreas nas mellores condicións, cumprindo escrupulosamente a normativa, tal e como vimos facendo, e ofrecendo as máximas garantías de seguridade aos veciños e veciñas que habitualmente utilizan estas áreas para o xogo ou a práctica de exercicio ao aire libre».
As áreas de xogo infantís localízanse: na escola de Freixeiro, Gándara Park, local social de San Xiao, nas inmediacións de Casa Vicente (O Ponto), na rúa Italia, Virxe de Covadonga, Praza de Galicia, Vivendas do Bispo, Clara Campoamor, escola da Gándara, Praza da Gándara, rúa Eduardo Pondal, Avenida de Cataluña, na Praza das Vivendas do Apóstol, as Vivendas da Mariña de Santa Icía, a escola de Virxe do Mar, a Praza da Lectura, a Finca Permui, rúa Pascual Veiga, Finca Federica, Praza da Constitución, escolas da Solaina, O Val, Sedes, Castro, Pedroso e O Feal, locais sociais de Castro, O Couto, Sedes e Doso, muíño de Pedroso, Vivendas de San Clemente, escola infantil de Piñeiros, rúa Bimbieiro, Ponte Pielas, rúas Río Mandeo, 25 de novembro, Río Arnoia, Cangas e Segura Torrella, Praza 25 de Xullo, escola de Domirón, Praza do Concello, escola Ponte de Xuvia e estrada do Feal, na escola de Piñeiros, xunto ao local social da citada parroquia, nas vivendas de Profeco, na rúa Mariña Española, e nos paseos de Freixeiro e Xuvia. No que respecta aos parques biosaudables do termo municipal, están: na estrada do Feal, xunto ás vivendas de San Clemente, nas proximidades da igrexa de Piñeiros, na rúa Cangas, na praza da Gándara, nos paseos de Xuvia e Freixeiro, no Centro Cívico de Castro, en Doso, no Alto do Couto, en Santa Icía, no local social de San Xiao e os circuítos do Couto e Xuvia.
O concelleiro de Servizos destacou o esforzo inversor do Concello por manter nas condicións óptimas todas estas instalacións, se ben apelou á colaboración da cidadanía para que coiden estes espazos e, no caso de detectar algún problema, comunicalo ao Concello para que se subsane canto antes. «A empresa adxudicataria revisará periódicamente tanto os parques infantís como os biosaudables, pero coa axuda dos usuarios e usuarias tamén contribuiremos a que no caso de detectarse problemas se reparen no menor prazo de tempo posible», asegurou Santalla.