O Mercado Medieval de Narón comenza esta tarde no Parque do Río Freixeiro

O Mercado Medieval de Narón comezará esta tarde, a partir das 18 horas, no Parque do Río Freixeiro. Veciños e visitantes trasladaranse esta fin de semana á época do medievo coa ambientación deste evento organizado polo Concello e que contempla un completo programa de actividades a levar a cabo durante tres días. A edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, valorou a programación desta convocatoria e convidou a veciños e visitantes a gozar das actividades previstas.

Preto dun centenar de postos de venta ocuparán boa parte do Parque do Río Frexeiro, onde a partir das 18:30 horas de hoxe sucederanse espectáculos musicais, de malabarismo e cómicos. Non faltarán tampouco os lanzadores de coitelos, a maxia e o lume, que durante toda a tarde e boa parte da noite amenizarán a cantas persoas se acheguen a esta zona da localidade naronesa –algunhas delas vestidas con traxes de época- para gozar da que xa é a cuarta edición do Mercado Medieval. Produtos artesáns, gastronomía, oficios tradicionais e xogos e atraccións para nenos completarán a oferta desta convocatoria.

O programa continuará desenvolvéndose mañá e o domingo, a partir das 11 horas, coa reapertura dos postos do mercado e ademais; a partir das 11:30 horas cos divertidos espectáculos que protagonizarán grupos de maxia, baile e tamén cómicos e lanzadores de coitelos. Pola tarde, durante as dúas xornadas, o Mercado Medieval reabrirá ás 18 horas e continuarán os entretidos espectáculos matinais. Entre as novidades do último día, o domingo, ás 22:15 horas comezará La captura del dragón (cunha figura de tres metros de alto por seis de longo), e a maiores haberá un pasarrúas musical amenizando a celebración.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …