Preto de medio milleiro de persoas participaron na tradicional xornada de confraternidade, na que tamén interveu o coordinador local do partido, Ibán Santalla.
A área recreativa de Pedroso volveuse encher este domingo de centos de militantes e simpatizantes de Terra Galega, reunidos un ano máis para celebrar a súa tradicional Festa do Río. Baixo unha gran carpa, as persoas asistentes compartiron unha xornada de confraternidade, con xantar popular, música e un chamamento claro á unidade por parte da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.
O acto arrancou coas palabras do secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez, quen abriu a rolda de intervencións facendo un balance da lexislatura e poñendo en valor o traballo desenvolvido polo partido neste período.
A continuación o coordinador local de TEGA, Ibán Santalla, reinvindicou o valor de contar cun partido independente en Narón: «TEGA non ten que preguntarlle a ninguén en Madrid que decisión tomar. Só ten unha dirección: Narón. E só ten unha prioridade: os seus veciños e veciñas».
Santalla lembrou que, coas eleccións municipais de 2027 xa no horizonte «o futuro de Narón non o pode decidir ninguén por nós» e chamou á veciñanza a «estar máis unidos ca nunca»
O coordinador local pechou a súa intervención presentando a Marián Ferreiro como candidata do partido aos próximos comicios: «Marián, para moitos de nós es a nosa alcaldesa. Pero por riba de todo, es unha compañeira», afirmou, antes de definila como «a persoa que queremos que siga liderando este proxecto»
Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu a asistencia dos presentes e fixo tamén balance dunha lexislatura marcada pola falta de maioría. «Esta é, sen dúbida, a lexislatura máis difícil que lembro. Gobernamos en minoría, cunha oposición unida para dicir que non a todo. E aínda así, seguimos sacando Narón adiante». Ferreiro reivindicou a traxectoria e a xestión do partido: «Traballamos e queremos seguir traballando para que a cidade xere emprego, teña vivenda accesible, coide das súas persoas maiores e das familias, para que siga medrando en poboación e non deixe a ninguén atrás. Ese é o compromiso, e hoxe queremos renovalo convosco”.
A Festa do Río serviu como primeiro gran acto de mobilización de Terra Galega de cara aos comicios que se celebran o próximo ano. Foi neste contexto no que a rexedora local pediu aos asistentes que manteñan e reforcen o seu apoio a TEGA: «Cantos máis sexamos, máis forte é este proxecto. Ese apoio non é para nós, é para que Narón poida
seguir avanzando sen que o bloqueen”, dixo Ferreiro, que deixou claro que o traballo destes anos ten continuidade: «Levamos corenta anos ao pé de Narón, e iso non se improvisa nin se explica sen vós. Agora tócanos seguir escribindo esa historia».
A alcaldesa rematou agradecendo a fidelidade dos militantes e simpatizantes: «Sodes o motor da cidade, e con vós quero seguir construíndo o futuro de Narón»
Ao remate das intervencións, os asistentes gozaron dun xantar popular e dunha tarde de música na área recreativa de Pedroso.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

