Máis de medio milleiro de militantes e simpatizantes compartirán un xantar de confraternidade, música en directo e xogos tradicionais.

A paraxe natural de Pedroso vestirase de gala un setembro máis para acoller a Festa do Río, o emblemático encontro co que Terra Galega (TEGA) reanuda a súa actividade política tras o parón estival. O acto central estará encabezado pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que estará acompañada polo secretario xeral da formación, Guillermo Sánchez Fojo, o coordinador local, Ibán Santalla, así como por diversos edís da corporación, afiliados e amigos do partido.
A xornada festiva arrancará arredor das 13:00 horas coa habitual sesión vermú, que contará con animación musical. Tras os sons inaugurais, Marián Ferreiro ofrecerá unhas palabras aos máis de cincocentos asistentes antes de dar paso á comida colectiva. Baixo unha gran carpa instalada na área recreativa, os comensais degustarán un menú a base de callos e churrasco. A programación continuará durante toda a tarde con novas actuacións musicais e xogos populares dirixidos a públicos de todas as idades.
O coordinador local de TEGA, Ibán Santalla, destacou que este evento “que leva mais de 20 anos celebrándose é o escenario perfecto para gozar dun tempo de desconexión coa nosa xente e, ao mesmo tempo, pulsar a realidade de Narón coa mirada posta xa nas vindeiras eleccións municipais de 2027, intercambiando as primeiras impresións para revalidar a maioría» . Santalla lembrou o arraigo desta festa na localidade e agradeceu o apoio constante dos naroneses, destacando o respaldo maioritario recibido nas urnas en 2023, cando a formación logrou dez dos vinte e un concelleiros do pleno.
“O noso compromiso é continuar ao carón das veciñas e veciños, escoitando as súas demandas e traballando a diario para abrir con forza este novo curso político e asegurar esa confianza no proxecto de Terra Galega de cara ao 2027”, concluíu Santalla.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.