Comeza en Narón o «Curso práctico de elaboración de tapas»

tapas fene 27-4O «Curso práctico de elaboración de tapas» impulsado desde o Concello comeza este martes no Centro municipal de Formación Irmás Froilaz

As instalacións do Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollen na tarde deste martes, entre as 17.00 e as 19.30 horas, a primeira das xornadas do «Curso práctico de elaboración de tapas” enmarcado no programa Narón Gastronómico. O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, asistirá a primeira hora á presentación do curso que impartirá Xoán Crujeiras, profesor no IES Fraga do Eume de Hostalería e copropietario do restaurante «A Estación», en Cambre, distinguido cunha Estrela Michelín e un Sol Repsol. Un total de trinta e catro hostaleiros da localidade –en representación de vinte e catro establecementos- participan nesta iniciativa impulsada desde a Concellería de Promoción Económica.

Crujeiras transmitirá aos hostaleiros que asisten ao curso a importancia que teñen as tapas no sector, repercutindo directamente na facturación dos establecementos. «É moi importante o produto a utilizar nas tapas e a súa elaboración, pero non podemos esquecer o modo de presentalas», subliñou. Os hostaleiros locais terán a oportunidade de cociñar saborosas brochetas de solombo de porco con arroz, especies marroquíes e salsa de pimentón; bocadillos de carrilleiras estofadas, queixo brie, tomate seco e albahaca ou croquetas de mexillón tigre, entre outra decena de especialidades.

A vindeira sesión do «Curso práctico de elaboración de tapas» desenvolverase o vindeiro martes, 28 de xuño, tamén en horario de 17.00 a 19.30 horas en Irmás Froilaz. Nesta ocasión os participantes, tal e como apuntou Crujeiras, terán a oportunidade de cociñar tapas máis elaboradas e nas que se utilizarán como ingredientes, entre outros, o pemento do Couto e o tomate negro de Santiago.

O edil de Promoción Económica indicou que ao empregar este tipo de produtos na elaboración das tapas «ofrécese a posibilidade de dalos a coñecer e promocionalos entre a clientela dos establecementos, e tamén de amosar diferentes receitas a base destas especies de pemento e tomate cultivados na localidade e comarca».

Villamar agradeceu a presencia de Xoán Crujeiras nesta iniciativa e tamén a de todos os representantes do sector hostaleiro local que se implicaron tanto neste curso como noutras propostas que se impulsan a través do programa «Narón Gastronómico».

Lea también

Intervención dos bombeiros de Narón por un vehículo ardendo

Os bombeiros de Narón realizaron na tarde de onte mércores unha intervención na rúa Somozas, …