Narón programa unha sesión para nenos de contos, lendas e xogos por San Xoán

A festividade de San Xoán celebrarase este sábado 18 na Biblioteca municipal cunha sesión de contos, lendas e xogos dirixida a nenos a partir de 4 anos. Así o anunciou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, indicando que será preciso anotarse para poder participar, ao dispoñer de vinte prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

As persoas interesadas deben ter o carné da biblioteca e deixar os seus datos no citado centro, no mostrador ou chamando por teléfono ao número 981 382 173, en horario de 9:30 a 13:30 e de 16 a 21 horas. A cita, denominada Polo San Xoán… Sardiñas e Pan!!, comezará a desenvolverse ás 11 horas.

«Con esta actividade os nenos que participen poderán coñecer máis polo miúdo as tradicións e ritos asociados á máxica noite de San Xoán», explicou Taibo. Persoal da Biblioteca municipal encargarase de implicar aos menores nas diferentes actividades, relacionadas todas elas co día e a noite de San Xoán. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de traballar en sesións relacionadas co coidado e respecto ao medio ambiente e a reciclaxe.

A edil de Ensino explicou que «se trata dunha convocatoria que se desenvolverá este ano por primeira vez e que esperamos repetir nos vindeiros anos, afianzando así a aposta do goberno local por difundir as tradidicións, como neste caso o San Xoán, e implicar aos nenos e nenas neste tipo de actividades lúdicas á vez que didácticas».

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …