O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, inaugurou esta mañá no Pazo da Cultura o programa de actos da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial que se celebra ata o vindeiro domingo, día 29, no municipio. O edil naronés incidiu en que a convocatoria a desenvolver «é un compendio de todo o traballo realizado ata o de agora e está encamiñada sobre todo aos rapaces e rapazas, pero tamén a moitos outros colectivos sociais, como maiores e embarazadas, entre outros». O concelleiro naronés agradeceu o traballo realizado polo equipo de Educación Vial do Concello de Narón, organizador dos actos, e de todas cantas persoas participarán esta semana nos mesmos.
O médico Carlos Piñeiro impartiu esta mañá no Pazo un obradoiro para maiores no que se abordaron hábitos de vida saudables. O doutor falou aos asistentes do proceso de aproveitamento de oportunidades para manter o benestar físico aumentando a calidade de vida das persoas. «Temos que aproveitar todos os recursos existentes nun territorio, neste caso nun municipio, e intentar orientalos a mellorar o tempo e a calidade de vida», subliñou. «Saúde, participación e seguridade son os pilares do envellecemento activo sobre os que hai que traballar día a día», explicou.
Ao rematar o obradoiro, comezou outro sobre Medidas de autoprotección na vivenda, impartido polo Equipo de Emerxencias de Narón, no que se ensinou aos asistentes a adoitar determinadas medidas ante situacións de risco na vivenda ou nas rúas.
Pola tarde, veciños e veciñas do municipio participarán nunha camiñata desde o Pazo da Cultura ata o mosteiro do Couto, que comezará ás 17 horas, e de 17 a 18:30 haberá clases de zumba no marco do Parking day desta tarde na Praza da Gándara.
O programa de mañá comezará ás 10:30 horas no Pazo da Cultura, onde se presentarán os curtos realizados nos colexios de Narón baixo o título Eu Narón seguro, ao que asistirán os nenos e nenas dos centros educativos participantes e aberto ao público en xeral. A esa mesma hora e ata as 12:30 horas retomarase o Parking day na rúa 25 de Xullo, cunha exposición de traballos de alumnado da asociación Nosa Señora de Chamorro e tamén pola mañá, a partir das 10 e ata as 13 e de 17 a 20 horas, habilitaranse o Parque de Prevención da Fundación Mapfre e a Casa de Evacuación na praza de Galicia –en caso de mal tempo esta última actividade desenvolverase no pavillón polideportivo de Piñeiros-.
O Parque de Prevención centrarase mañá nos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aos que se ensinará a evitar condutas de risco e tamén a coñecer e respectar os sinais de tráfico. A Casa de Evacuación é unha estrutura duns 150 metros cadrados coa que se divulgarán unha serie de normas básicas de evacuación en caso de incendio e tamén coñecementos de Primeiros Auxilios.
Na xornada de mañá pola tarde, o Pazo da Cultura acollerá a presentación, ás 18:30 horas, do conto Moucho e Cuquiña, dirixido a alumnado de educación Infantil e primeiros cursos de Primaria. Asistirán ao acto a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro; a autora, Paula Merlán, e o ilustrador, Antonio Seijas.
Finalizada a presentación da obra, sobre as 19 horas, dará comezo no Pazo a representación da obra 2021: Unha odisea na terra, cuxa entrada é de balde. Trátase dunha comedia familiar na que se difunden parte das actividades do programa que o equipo de Educación Viaria do Concello desenvolve ao longo do ano. Así mesmo, entre as 16 e as 17 horas terá lugar a actividade Vive a coral, do Parking day na praza da Gándara e outro sobre Mesturas, pinta ao aire libre, na mesma ubicación, entre as 17:30 e as 20 horas.