Celebrada a entrega de premios do XXVII Certame Intercentros Concello de Narón

O Auditorio municipal acolleu esta mañá, ás 11.30 horas, o acto de entrega de premios do XXVII Certame Intercentros Concello de Narón. Unha representación do alumnado dos centros participantes presenciou a convocatoria, presidida polo alcalde, José Manuel Blanco, e á que ademais da edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, acudiron representantes de todos os grupos políticos da corporación local naronesa, encargados de entregar algúns dos premios concedidos neste certame.

Un alumno e unha alumna de segundo curso da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón encargáronse de presentar o evento, que comezou coa actuación dos integrantes do Coro Solidario do IES Terra de Trasancos, que interpretou varios temas.

Finalizado o espectáculo musical deu comezo o acto de entrega dos diferentes premios, correspondentes ás modalidades de: Audiovisuais, Expresión oral e canción en galego; Cómic; Narrativa; Poesía; Reportaxe Xornalística e Teatro Escrito e tamén o concurso de Muráis presentados polos diferentes centros participantes.

Alumnos dos CEIP Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, A Solaina, Piñeiros, A Gándara, o CRA de Narón, o CPI do Feal e dos IES Terra de Trasancos e das Telleiras subiron a recoller os premios que obtiveron nas diferentes modalidades.

O alcalde, José Manuel Blanco, pechou o acto agradecendo a colaboración do profesorado dos centros públicos de Narón e de todos os rapaces que participaron no certame. Así mesmo, o rexedor local destacou o feito de que o evento alcanzou este ano a súa vixésimo sétima edición, o que constata, subliñou, a consolidación deste certame na localidade.

Blanco valorou tamén o traballo do centro organizador da convocatoria deste ano, o IES das Telleiras, destacou o realizado polos diferentes organizadores en edicións anteriores e animou ao CEIP da Gándara a implicarse na organización da que será a vixésimo oitava edición do certame, que se desenvolverá o vindeiro ano na localidade.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …