O Centro de Recursos Solidarios contará con un total de 3.899 quilos de alimentos non perecedeiros, produtos de hixiene e roupa que se corresponden coas doazóns realizadas con motivo do IV Desfile solidario celebrado o pasado 13 de maio no Pazo da Cultura.
A cita, convocada polo Concello de Narón, Cáritas Santiago Apóstol, a Asociación Dignidad e a delegación de Ferrolterra da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, contou tamén coa colaboración do sector comercial e hostaleiro de Narón e Ferrol, que se implicaron na recollida de produtos para o Centro e na doazón de agasallos para o desfile.
«As persoas que acudiron a presenciar o evento no Pazo doaron un total de 1.400 quilos de alimentos; 70 de produtos de hixiene e 600 de roupa», apuntou a edil de Acción Social, Catalina García. A entrada era de balde, se ben os asistentes debían entregar como mínimo un quilo dalgún dos citados artículos para poder entrar ao Pazo. Así mesmo, recadáronse 368 euros en metálico coa venta de rifas coas que se sortearon unha vintena de agasallos, e cos donativos depositados nunha hucha instalada no Pazo o día do desfile.
A estas doazóns hai que sumar os 361 quilos de roupa e produtos de hixiene que recolleron os comerciantes naroneses para o Centro de Recursos Solidarios de Narón e os 75 quilos tamén de roupa e alimentos depositados nas tendas da asociación Dignidad.
As grandes superficies sumáronse á campaña destinada ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. A edil indicou que a empresa Gadisa aportou 200 quilos de Gabinete de Comunicación do Concello de Narón alimentos e produtos de limpeza; Hiper Froiz un total de 450 litros de leite; Eroski 162 quilos de alimentos e Mercadona 581 litros de leite e cueiros.
A concelleira de Acción Social agradeceu a colaboración de todas as persoas que realizaron donativos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. «Ogallá non fose preciso realizar estas convocatorias nin ter este tipo de instalacións pero lamentablemente hai moitas familias que o están pasando mal e temos que axudarlles na medida das nosas posibilidades», apuntou a edil naronesa.
García valorou tamén a implicación dos empresarios dos sectores comerciais e hostaleiros, maioritariamente da localidade pero tamén da comarca, e das entidades que coorganizaron o evento con Concello, e tivo tamén palabras de agradecemento para todas as persoas que colaboraron no desfile como voluntarios.
Das doazóns recibidas beneficiaranse máis dun milleiro de familias de Narón e comarca que habitualmente recurren ao Centro de Recursos Solidarios da localidade, cuxas instalacións se localizan nunha nave do polígono industrial de Río do Pozo.