Un total de 28 estudantes de Ciencias da Saúde de Estados Unidos e Canadá rotarán por 20 especialidades da Xerencia Integrada de Ferrol a partir do luns 16 de maio. Como centro docente universitario, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acollerá a estes alumnos do programa de prácticas de observación en hospitais, Atlantis. Son estudantes de Ciencias da Saúde, do que se denomina pre-health, e que se asemella co pregrao na formación aquí.
Esta actividade desenvólvese no marco dun convenio de cooperación educativa asinado entre o Servizo Galego de Saúde e o St. Mary’s Institute for Educacional Excellence (SMI), e implica a realización dun programa de prácticas de observación en centros sanitarios galegos. Este ano recibirán alumnos, ademais da área sanitaria ferrolá, os centros de Ourense e Pontevedra. Trátase de prácticas de curta duración en diversos servizos, sobre todo naqueles nos que sexa posible observar técnicas.
Estes estudantes distribuiranse en tres quendas de 4 semanas cada unha. Os primeiros oito alumnos comezaban esta mañá cunha xuntanza no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, e estarán ata o 10 de xuño. Os 10 seguintes, da segunda quenda, comezarán a partir do 20 de xuño, e rematarán e 15 de xullo. Por último, os 10 alumnos da terceira quenda comezarán en xullo e rematarán en agosto.
Observación do sistema sanitario galego
No marco deste convenio de colaboración, o Sergas oferta as prazas, que no caso da área ferrolá serán 28; determina os servizos -as 20 especialidades mencionadas- onde estes alumnos rotarán; e, tamén, establece as datas, as tres quendas entre maio e agosto. Pola súa banda o SMI dá a coñecer o sistema sanitario galego e a comunidade autónoma nas universidades americanas.
Ademais, estes estudantes desenvolven actividades de colaboración e voluntariado naqueles servizos polos que realizan as súas prácticas de observación, como clases de inglés, colaboración en traducións, ou outras actividades que cada departamento considere de interese. Establécese así unha liña de colaboración que poderá ser ampliada nun futuro cun intercambio mediante o que os profesionais de Ferrol podan acudir tamén a Estados Unidos.
Ámbalas dúas institucións consideran interesante este intercambio, na medida en que “se desenvolven tanto vínculos con futuros profesionais da saúde de Estados Unidos e Canada”; como “de relación con distintas Universidades”. As actividades de colaboración son extensibles á comunidade e supoñen a promoción de Galicia noutros ámbitos, xa que contan con días libres para coñecer as cidades onde desenvolven a súa actividade.