Libros, música e xogos tradicionais para conmemorar en Narón o Día das Letras Galegas

O municipio naronés acolleu hoxe varios actos para conmemorar o Día das Letras Galegas. O primeiro dos incluídos no programa deseñado polo Concello para festexar hoxe o 17 de maio, homenaxeando ao autor galego Manuel María, comezou ás 10 horas. Preto dun cento de persoas partiron da praza da Gándara na 1ª Andaina polas Letras, un percorrido que levou aos camiñantes por varios puntos do municipio, entre eles o mosteiro do Couto e o muíño das Aceñas durante unhas dúas horas. O bo tempo animou aos participantes, que gozaron das vistas e do paseo matinal para, trala chegada de novo á Gándara presenciar a actuación do Grupo do Padroado da Cultura, amenizando a xornada, e con cuxa música tradicional gozaron tamén os veciños e veciñas do barrio.

A praza de Galicia, no Alto, centrou a programación que se desenvolveu durante boa parte da tarde. A partir das 17.00 horas comezaron as actividades, que contaron coa participación de nenos e nenas da zona e tamén de persoas maiores. O Coro Solidario do IES Terra de Trasancos, formado por alumnos e alumnas do citado instituto naronés, encargouse do apartado musical pola tarde, interpretando varias pezas. Mentres actuaban os rapaces e rapazas do coro, os nenos gozaron tamén cos xogos populares e enredos preparados para a ocasión: salto á corda, a chave, os zancos ou tiracroios, entre outros.

A Biblioteca na rúa, instalada baixo unha pequena carpa na propia praza de Galicia, foi outra das actividades que se levou a cabo. Non faltaron as obras de Manuel María, que tiñan un espazo propio neste Día das Letras Galegas.

Pero tamén podían verse obras doutros recoñecidos escritores en lingua galega, como Roberto Vidal Bolaño, Lois Pereiro ou Manuel Lugrís, aos que tamén se dedicou en anos anteriores o Día das Letras Galegas. Así mesmo, tamén permaneceu instalado na praza un photocall de Manuel María, no que pudieron fotografiarse as persoas que acudiron aos actos convocados na praza de Galicia.

A clausura do programa do 17 de maio correu a cargo doutra actuación, neste caso dun concerto protagonizado por Os Resentidos e a Lira de Ribadavia, no Pazo da Cultura, a partir das 19 horas. Neste repertorio musical versionaronse diferentes temas cos que se rendirá unha merecida homenaxe á música de verbena e das festas populares. Música, xogos e libros en galego protagonizaron esta xornada lúdica, pero tamén festiva e didáctica coa que o Concello de Narón celebrou este ano a súa particular homenaxe a Manuel María e, en xeral, á lingua e á cultura galegas, coincidindo co 17 de maio.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …