Celébrase na xornada deste martes, día 17, o tradicional voto de Chanteiro que organizan conxuntamente os concellos de Ares e Mugardos.
O programa previsto é o seguinte:
10.30 h. Saida de autobuses de Mugardos e Ares.
-Ruta Bus Mugardos: Inicio en San Xoan de Piñeiro e paso polo Seixo, Franza, A Pedreira e Mugardos.
-Ruta Bus Ares: Inicio en Pedregal, paso polas Pezoas, Seselle, Porta do Sol, Lubre, Cervás e Chanteiro.
12.00 h Celebración da santa misa na ermida da nosa Señora da Mercé
.Despois da Misa actuará a banda de Gaitas «Ría de Ares» e haberá repartición de empanadas e bebidas.
13.30 h Saída de autobuses de volta con percorrido Chanteiro, Ares, Mugardos.
17.00 h. Actuación da Banda de Gaitas «Ría de Ares» .
19.00 h. Saída de autobuses de volta con percorrido Chanteiro, Ares, Mugardos.
HISTORIA DO VOTO
O Foro de Amigos de Ferrol lembra o nacemento do Voto de Chanteiro no ano 1404 e a súa conmutación no ano 1839.
«Adeus Virxe dás Mercedes,
adeus Nai de Chanteiro,
volveremos vos remeiros
para ou ano vindeiro». (Cantiga popular)
A principios do século XV unha forte epidemia de peste declarada en Europa incidiu fortemente na comarca ferrolá. Os ferroláns consideraron que foi remediada por intercesión da Virxe da Mercé do santuario de Chanteiro, dependente do convento franciscano de Santa Catalina de Montefaro. Por iso, os concellos de Ferrol, Ares e Mugardos fixeron o voto de visitar anualmente o santuario nunha procesión rogativa presidida polas autoridades civís e relixiosas, portando os pendóns municipais e as cruces alzadas das parroquias.
Segundo Montero Aróstegui, o luns de Pascua de Pentecostés do ano 1404 os veciños de Ferrol foron en rogativa para pedir á Virxe da Mercé o remedio para a epidemia, levando unha ofrenda de seis libras de cera en velas para o culto. Desaparecida a peste, «empuxada con vento de levante a densa néboa que atafegaba ao Ferrol e quedando a súa atmosfera enteiramente limpa e despexada», a ofrenda consolidouse en anos sucesivos, engadindo un amplo ramo de flores naturais, «a flor de Chanteiro», levado en andas por catro homes.
A celebración, de sinxelo cerimonial ao principio, converteuse nunha aparatosa romaría. Unha gran comitiva embarcaba en botes desde diversos lugares da ría, acompañando ás autoridades trasladadas na falúa da Mariña desde Curuxeiras. Rematado o acto relixioso celebrábase unha romaría popular, mentres que no lugar do Baño tiña lugar un banquete para o clero e autoridades da comitiva.
Aos crecentes gastos da festa, sufragados maiormente polo concello de Ferrol, uníronse unha serie de incidentes entre os tres concellos que discutían pola preeminencia na orde das misas e na prelación das cruces, ademais de crecentes accidentes durante a viaxe das embarcacións a Mugardos a causa do mal tempo e os alborotos dos asistentes, que segundo Couceiro Freijomil ?converteron o acto relixioso nunha profana distracción?, convencendo ao concello ferrolán da necesidade de poñerlle remedio.
Estes problemas desembocaron en incidentes que implicaron tanto ás representacións de Ferrol, Mugardos e Ares como aos propios relixiosos de Chanteiro. Por exemplo, en maio de 1784 o Concello de Ferrol dirixiuse ao superior do convento de Montefaro, de quen dependía a capela de Chanteiro, lembrando a preferencia que tiña Ferrol ?antes que outros pobos que aínda concorren no mesmo día? para celebrar o Voto de Chanteiro, segundo a documentación obrante no Arquivo Municipal de Ferrol.
(ermida de Chanteiro)
Posteriores incidentes ao longo do século XIX entre os representantes do concello de Ferrol e os relixiosos de Chanteiro, levaron á Alcaldía de Ferrol a solicitar desde o ano 1825, sen resultado, a conmutación do Voto de Chanteiro. Chegada a exclaustración do ano 1835, e suprimido o convento de Montefaro mentres subsistía a ermida de Chanteiro, o concello de Ferrol volveu solicitar a conmutación do Voto, por converterse ?nunha verdadeira festa de diversión e xúbilo?, o que concedeu o Bispado de Mondoñedo o día 31 de Decembro de 1839, quedando Ferrol exento do Voto de Chanteiro, substituído pola celebración o segundo día de Pascua dunha procesión ata a capela do Socorro en Ferrol Lanuxe, levando en rogativa ao Patrón San Julián, celebrando unha misa e regresando á igrexa parroquial.
A conmutación do Voto de Chanteiro o ano 1839 indignou aos veciños de Ares e Mugardos, causando a protesta dos alcaldes de ambos os concellos, o párroco de Cervás e o arcipreste de Bezoucos. As autoridades implicadas reclamaron o Arcebispo de Santiago a anulación da conmutación que realizou o Bispo de Mondoñedo, por non ter competencia para iso, sen contar coa opinión de Santiago e mesmo a de Roma, por tratarse dun voto a perpetuidad.
Mentres que as localidades de Mugardos e Ares continuaron celebrando o Voto de Chanteiro, en Ferrol foi perdendo solemnidade e asistencia a súa celebración na igrexa do Socorro, polo que o ano 1960 o concello de Ferrol solicitou do Bispo da Diocese o traslado do Voto ao domingo seguinte da festa da Virxe do Carmen. Con iso e a pesar do arraigamento da Virxe da Mercé na comarca ferrolá. a celebración do Voto de Chanteiro foi decaendo ata a súa práctica desaparición.