Os profesionais de Enfermaría da Xerencia Integrada de Ferrol, Luis Arantón Areosa e José María Rumbo, destacaron a importancia da investigación enfermeira nas III Xornadas de Investigación en Ciencias da Saúde, que organizou esta semana o Mestrado en Asistencia e Investigación Sanitaria da Universidade da Coruña, en colaboración co Complexo Hospitalario coruñés e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
Estes dous profesionais da área sanitaria ferrolá veñen de acadar o seu doutoramento este ano. O director de Enfermaría da Xerencia, Luis Arantón Areosa, destacou na Coruña que «o feito de afondar na investigación revirte en melloras para o propio profesional, para o paciente, e para a institución».
Pola súa banda, José María Rumbo Prieto, supervisor de Coidados, Investigación e Innovación na área, remarcou que «son catro os desafíos ou retos que debe potenciar a investigación enfermeira: mellorar a formación científica, a comunicación científica, a produción científica, e a transferencia do coñecemento á práctica». Ámbolos dous coincidiron plenamente na necesidade de «investigar máis no ámbito enfermeiro»; e abordaron os retos e dificultades que quedan por diante. «Eu non tiña ningunha metodoloxía relacionada coa investigación na nosa formación, hoxe poden acceder a ela», apunta Luis Arantón.
En canto á Xerencia Integrada de Ferrol, Luis Arantón destaca que «co feito de ser Complexo Universitario e colaborar estreitamente coa Universidade, mellórase en moitos sensos, e se establecen sinerxias nos dous ámbitos». Considera que «a investigación sempre é mellorable»; e que «Ferrol quizais sexa unha das xerencias con más doutoramentos en Enfermaría, e con varios equipos de investigación consolidados que traballan en equipos a nivel nacional», engade.
Loitar contra a ‘infoxicación’
Luis Arantón deu conta na súa intervención da «responsabilidade de cada profesional para se manter actualizado e evitar a obsolescencia profesional»; é necesario activar a capacidade de cribado, xa que só en Medline publícanse unhas 600.000 informacións biomédicas anuais; e a «busca planificada e sistemática é a pedra angular de calquera profesional para evitar esa infoxicación», describe.
Existe, por unha banda, unha realidade na que, no ámbito da Enfermaría, «hai pouca tradición de investigar, falta de metodoloxía científica, escasa presenza enfermeira en unidades de investigación, xa que non se considera unha prioridade»; pero, por outra banda, «temos un ámbito privilexiado para investigar, cun enfoque dende múltiples perspectivas».
Luis Arantón Areosa conclúe que son moitos os beneficios da investigación para o profesional xa que investigar mellora a confianza, a seguridade, os niveis de estrés, a motivación, e a capacidade de adaptación e innovación; facilita a toma de decisións e solucións de problemas; reduce o temor ós cambios; evita esa obsolescencia profesional; e provoca unha maior satisfacción laboral. O paciente benefíciase porque se melloran os coidados, a seguridade, e a afectividade das actuacións. E, por último, no ámbito da organización mellórase a eficiencia, e redúcense erros e eventos adversos. Polo que invitou a investigar en xeral, e á investigación enfermeira en particular.
Mellorar a calidade da investigación
Pola súa banda, José María Rumbo Prieto, na súa intervención Investigación en enfermaría. Principais retos e desafíos remarcou que «un dos principais retos da investigación en Enfermaría é superar a situación anacrónica na que está inmersa, xa que é recoñecida como unha profesión con capacitación e campo educativo propio -de feito a Unesco a clasificou dentro do campo de ciencias da saúde cun código propio- pero hoxe en día segue sen que este organismo a recoñeza dentro do campo da ciencia e a tecnoloxía», explica. «Moitos traballos de investigación e teses doutorais puramente enfermeiras téñense que recoñecer como ciencias da saúde, sen ter un campo propio», engade.
A enfermaría debe superar tamén os desafíos de mellorar a calidade da súa investigación; potenciar o ser «consumidores intelixentes de produción científica» e identificar problemas susceptibles de investigar; e, tamén, mellorar o impacto e indexación de revistas de Enfermaría. Xunto con isto, mellorar a súa habilidade cognitiva e de actitude metodolóxica, realizando estudos multiculturais e multimétodo, combinando traballo cuantitativo e cualitativo; e sistematizando as experiencias, pasando do estudo descritivo e narrativo ó interpretativo e crítico. Por último, o investigador debe aprender a sintetizar ese coñecemento; e «integralo na práctica clínica diaria»; e «na Xerencia Integrada de Ferrol isto xa se está a facer», matiza.
«Necesítase máis calidade investigadora», incide José María Rumbo. «Traballar non só con metodoloxía descritiva senón analítica e experimental, facer inferencia e comparar. Imos por bo camiño, pero queda moito por facer, e temos que aprender dos mellores, e de quen xa ten recorrido ese camiño», resume.