Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol desenvolven a Simulación in Situ nun andar de hospitalización. Esta modalidade de aprendizaxe xa comezada na área ferrolá o pasado ano, cun centro de saúde e o Servizo de Urxencias. Nesta ocasión, o traballo de simulación in situ desenvólvese no andar sétimo de Medicina Interna do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Lembrar que a simulación supón recrear de forma artificial procesos reais para conseguir o obxectivo da aprendizaxe.
Coa simulación in situ dáse un paso máis, e trasládase a simulación ó lugar no que se realiza o traballo diario dos profesionais, para dar aínda un maior realismo, ó ser realizada polos equipos multidisciplinares que abordan as ditas situacións de xeito conxunto a diario. Estanse a formar a un total de 24 profesionais en equipos de un facultativo, dous profesionais de Enfermaría, e un Técnico de Coidados Auxiliares de Enfermaría.
«Para continuar avanzando na simulación in situ de situacións críticas, tódolos xoves polas tardes durante estes meses de abril e maio, simularanse casos de pacientes críticos que serán tratados por equipos multidicisplinares, como o farían no caso real, no propio andar de hospitalización», explicaron dende as aulas médicas de simulación.
«Estas simulacións grávanse para, posteriormente, discutir cos participantes o que ocorre nos distintos casos; e, con iso, poder mellorar temas de coordinación ou de traballo en equipo, entre outras», continúan, incidindo en que «este é o mellor xeito de estar preparado para dar resposta no caso de que se produzan esas situacións». Estas actividades implican unha revisión dos protocolos de actuación no manexo dun paciente crítico; melloran a coordinación dos equipos que atenden a eses pacientes críticos, e, tamén, os roles individuais e o liderado de cada membro do equipo que ten que realizar esa atención.
Vantaxes da simulación
Traballar coa simulación supón que os profesionais cheguen ós pacientes coa máxima formación posible, e maior destreza nas distintas técnicas. En termos xerais, experiméntase con manequíns e aparellos que simulan distintas partes do corpo sobre as que practicar, e que teñen respostas semellantes ás do humano; ou con situacións. A simulación permite un primeiro coñecemento teórico da técnica que se vai realizar, e facelos primeiros adestramentos clínicos antes da súa aplicación ó paciente. Neste caso, a simulación in situ vai máis alá, reproducindo o contexto completo no lugar real.
Este adestramento pódese realizar tantas veces sexa necesario; mellora a técnica de aprendizaxe, eliminado o estrés que supón realizala cun paciente; e, paralelamente, imprime tamén maior seguridade para ese paciente. En definitiva, acúrtase e mellórase a capacitación en determinadas técnicas médico-cirúrxicas; e facilita o adestramento para futuras situacións clínicas complexas.
A simulación na Xerencia Integrada de Ferrol
A Xerencia Integrada de Ferrol conta dende o ano 2013 coas súas propias aulas de simulación, no cuarto andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá, que están a disposición das e dos profesionais tanto para o uso individual como colectivo. Esta espazo está configurado por unha Aula de Simulación Médica, unha de Simulación Cirúrxica, unha de Coidados Críticos, e unha de formación. Estas aulas eran o segundo espazo que se creaba para a simulación nos centros hospitalarios galegos, e a primeira experiencia deste tipo en Galicia. Nacía como un proxecto integrador baseado na reutilización dos propios recursos, para a formación dos novos residentes e a formación continuada de todo o persoal sanitario.
Os profesionais lembraron que as Aulas de Simulación aglutinan, catalogado e organizado, os distintos materiais que hai na Xerencia para a formación e a simulación da actividade sanitaria real. A Aula de Simulación Médica está cuberta de armarios con ese material e parataxe dispoñible, tanto novo como xa existente (manequíns simuladores, mesas para a realización de prácticas, parataxe diverso….). Pódese simular, entre outras moitas cousas, un parto, un tacto rectal, ou puncións en diferentes partes do corpo humano para se achegar ás venas.
Por outra banda, na Aula de Simulación Cirúrxica é posible realizar simulación laparoscópica (técnica cirúrxica minimamente invasiva que evita a realización de grandes incisións cirúrxicas), para acceder, por exemplo, á vesícula ou ó colon. Emprégase material inerte de animal morto para se aproximar ó máximo á situación real. Son trinta metros cadrados, dotados cun conxelador e un frigorífico para o mantemento do material orgánico, armarios para a almacenaxe, tomas de auga, osíxeno e vacío, e un ordenador con acceso a internet.
Na aula de Coidados Críticos, última en activarse, reprodúcese un sala para atención dos pacientes nesta situación crítica cun boneco. Este boneco simula tódalas situacións clínicas que se poden dar cando se produce unha parada, e que respira segundo o faría a persoa afectada; e responde, por exemplo, vomitando se a técnica non se está a facer correctamente. Por último, a Aula de Formación, de ó redor de trinta prazas, conta con todo o material audiovisual necesario. A través de cámaras, pódese ver na pantalla da Aula de Formación todo o que se está a facer; e incluso os escenarios simulados nas aulas, como xa se fixo cos accidentes de tráfico, traumatismos (caídas de bicicleta e moto), amputación de membros, accidentes laborais, e incluso un accidente de esquí.