A Concellería de Participación e Normalización Lingüística presentou este mediodía o taller de escenografía teatral de balde para nenos de 3 a 14 anos que se vai desenvolver do 21 ao 25 de marzo no local da Asociación Veciñal de Covas.
«Trátase de ofrecer as familias dos barrios e das parroquias as mesmas oportunidades de conciliar a vida laboral e a crianza dos fillos coincidindo coas vacacións escolares de Pascua, ofrecendo alternativas de ocio didáctico para os mais cativos, que crean espazos de creación e interacción en lingua galega».
Así o expuxo este venres 11 o concelleiro do área, Álvaro Montes, na rolda de prensa acompañado por Cristina Mariño, directora da Escola de Teatro de Vilalba que imparte a actividade, e de Manuel Sendón, presidente da AVV de Covas, que agradeceu a colaboración do Goberno local en abrir espazos de cultura e xogotecas na zona rural.
«Este obradoiro dálle continuidade a outro que se celebrou no Nadal de contacontos e monicreques», explicou Mariño, sendo unha introdución ao teatro entre os mais cativos. Nesta segunda parte, os alumnos terán que escoller un dos contos que coñecen e levalo a escena con todo o que implica unha representación na adaptación do guión, os papeis, o vestiario e a escenografía.
Obxetivos da actividade teatral grupal
O obradoiro de teatro ten como obxectivo desenvolver as capacidades dos nenos no tempo de lecer, para favorecer as dinámicas grupais, fortalecer os recursos comunicativos e consolidar as capacidades cognitivas a través do xogo.
O campamento-obradoiro de teatro conta con 60 prazas para nenos de 3 a 14 anos, en dous grupos de idade: de 3 a 6, e de 7 a 14 anos.
A actividade desenvolverase de luns a venres, do 21 ao 25 -ambos inclusive-, no local da entidade veciñal. É de balde e para anotarse haberá que dirixirse ao correo aavvcovas@gmail.com. As inscricións serán por orde cronolóxica. O custe desta actividade é de 2.300 euros (sen IVE) para as arcas municipais, xa que se trata dunha actividade formativa exenta este tributo.