A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, propúxolles esta mañá aos representantes dos concellos adheridos do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol analizar conxuntamente as necesidades de transporte público desta comarca para poder adaptar os servizos á demanda real.
Así o trasladou durante a reunión que esta mañá mantivo no marco da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, onde salientou «o total compromiso da Xunta de velar polo estrito cumprimento dos servizos por parte das empresas de transporte». Así garantiu que a Xunta realizará as inspeccións que sexa necesario e incoará os expedientes sancionadores que correspondan en caso de incumprimentos dos servizos obrigados polas concesións de transporte público.
Ademais, e para adecuar o transporte ás necesidades da cidadanía, o Goberno galego solicitou a aqueles municipios que requiren cambios horarios que presenten as súas propostas, para analizalas vos concesionarios.
No que se refire ao incremento de servizos, a directora de Mobilidade explicou que o Plan de Transporte Metropolitano pode enriquecerse coa posta en marcha de liñas de interese municipal, aportando a Xunta o 80% da bonificación ao usuario, tal e como xa existe en varios municipios e a gratuidade do transbordo.
Nesta liña de adaptar os servizos á demanda real, Helena de Lucas indicou que «a Xunta licitará proximamente un estudo de transporte á demanda, que permitirá adaptar os servizos ás necesidades existentes, evitando a circulación de autobuses baleiros e permitindo prestar liñas adecuadas en zonas de baixa demanda».
Helena de Lucas insistiu na importancia da participación e coordinación entre as distintas administracións na mellora do transporte, garantindo tamén a eficiencia nos servizos e no uso dos fondos públicos.
A finais do ano pasado o Consello da Xunta autorizou a prórroga doconvenio do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol para o exercicio 2016, polo que dende o Goberno galego indican que os municipios deben trasladar as súas determinacións de cara o 2017 ou plantexar as súas alternativas para garantir os servizos que os cidadáns precisan.
A directora xeral de Mobilidade lembrou que «o Plan de Transporte Metropolitano permite que os ferroláns paguen, por exemplo 0.85 euros por un billete, en lugar de 1.45», polo que defendeu a súa prórroga como o mellor para os veciños de Ferrolterra.