Blanco e Villamar presentaron o marco orzamentario 2017-18

naron-blanco y villamarO alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, presentaron na mañá deste xoves o Marco Orzamentario 2017-2019 dictaminado favorablemente este mesmo xoves na Comisión de Facenda. O rexedor local indicou que «isto é un Marco previsible, con datos que posteriormente se concretarán ano tras ano a medida que o pleno vaia aprobando as pertinentes taxas municipais». Blanco destacou que a baixada ata o 0,60 no IBI contemplada no documento supón que «en oito millóns de euros de ingresos nese período pode supoñer unha diferencia duns 80.000 euros, co que os recibos quedarán co mesmo importe nos anos 2017 e 2018». O rexedor local incidiu en que con este documento «intentamos ter garantías para poder acceder a calquera axuda que necesitemos á hora de afrontar a parte que nos corresponda dos plans europeos aos que poidamos optar para realizar certos investimentos desde o Concello». Ao respecto Blanco citou exemplos como a posible concesión das axudas do Plan Urban solicitadas conxuntamente por Ferrol e Narón –por un importe global de 15 millóns de euros-, o Plan de Informatización plantexado a nivel europeo –que suporía dous millóns de euros-, ou os pagos correpondentes ao convenio para a construción do novo centro de saúde, unha vez se peche o acordó coa Xunta. «Trátase de ter garantías á hora de poder facer estes investimentos», explicou Blanco.

ESTAMOS BAIXANDO O IBI

Pola súa parte, Villamar fixo especial incidencia no tema do IBI, apuntando que o Marco Orzamentario recolle que para o ano 2017 o coeficiente a aplicar sería do 0,63 e no 2018 do 0,60. «Estamos baixando do 0,66 en vigor este ano un total de tres puntos o ano que vén e outros tres no 2018, co que conseguiríamos que non suba o catastro. Vai haber un incremento do valor catastral, pero ao baixar o coeficiente o recibo a pagar polos veciños e veciñas de Narón será practicamente igual ao que veñen pagando ata o de agora», indicou o edil.

O documento é «prudente e acorde cos orzamentos a elaborar nos vindeiros anos e tamén á hora de priorizar o gasto na atención ás persoas e no mantemento da calidade dos servizos», apuntou. O informe permitirá ao Concello, incidiu o edil, «estar en boa situación económica para poder afrontar posibles investimentos desde a administración local á hora de executarse no municipio as actuacións anteriormente citadas polo alcalde».

O MARCO ORZAMENTARIO

O Marco Orzamentario é un documento obrigatorio para todas as administracións locais que irá ao pleno de finais de mes. Villamar recalcou que se trata dun «informe marco no que se fixarán as previsións que temos no Concello para as anualidades que comprende e que está elaborado partindo de datos de administracións supramunicipais e, nalgúns casos, estimativos, como o PIB ou a inflación. O edil apuntou ao respecto que «os ingresos van medrar nas proporcións estimadas e de cara ao 2018 o orzamento poderá rondar os 29,5 millóns de euros e o endebedamento situarse nos 3.087.000 euros, unha débeda que supón case a metade da actual. O alcalde subliñou que este endebedamento «non é relevante para un Concello como o de Narón e incluso podería ser máis baixo no caso de amortizar máis débeda da prevista nos vindeiros anos» e, sobre o apartado de ingresos, Blanco amosou a súa confianza en que se superen os 30 millóns de euros en 2018.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …

Un comentario

  1. Alfonso Casal Pita

    O Marco orzamentario 2017-2019 non ten en conta varias cuestións. Copio abaixo a miña intervencion no pleno do Xoves:
    .
    Ademais de basearse nuns supostos macroeconómicos moi incertos, nesta proposta non se tivo en conta que hai unha ameaza real dunha nova recesión e que xa esta a advertir o Fondo Monetario Internacional, o cal afirmou que a economía mundial debilitouse aínda mais e advertiu que era “altamente vulnerable aos shocks adversos”.
    Por outro lado, o marco orzamentario non contempla cuestións ou presenta hipóteses cuestionables coma son:
    1. Obvia o mandato do pleno de abril do pasado ano de facer a revisión do IBI como vostedes promoveron e aprobaron.
    2. Supón que haberá uns fortes ingresos de 450.000 a 360.000 euros transferidos desde a Deputación da Coruña que non están asegurados porque, entre outras cousas, se está a falar de eliminar as deputacións.
    3. Non se recollen as inversións que debería de afrontarse para o Desenrolo Urban Sostible Integrado “Ría de Ferrol Cidade 2020”, o DUSI compartido con Ferrol, que tamén se chamou plan Urban, no que alguén xa decidiu, por todos nos e por toda a cidadanía, o modelo de cidade que vamos a ter nun futuro (o que é unha nova mostra da súa forma de facer política de costas ao pobo).
    4. Ademais, tamén xa din que para os próximos 3 anos vaise manter o tipo do IBI para inmobles de características especiais, para o que reclamabamos unha subida o mes pasado e que o Sr. Villamar dicía que non era o momento de aprobalo, e que o falaríamos para o próximo ano.
    .
    Por outro lado, no seu marco orzamentario supoñen que os gastos se manteñen sen reducirse, mentres que as inversións tamén as manteñen na súa liña de baixo nivel, e dicir, seguen nunha posición continuista da súa política de “pan e circo” e de submisión as grandes empresas de servizos, e, por suposto, seguen na liña de amortizala débeda en lugar de apostar por inversións produtivas que xeren emprego e axuden a mellorar a economía a corto ou medio prazo.
    .
    Despois de 6 anos de creses todos os economistas recoñecen, e os feitos así o abalan, que a aposta de EE.UU. por aumentar a inversión foi a correcta, mentres que a da UE de contención do gasto equivocada, e vostedes, no pouco marxe que lles deixan as políticas marcadas dende a UE e dende Madrid, seguen a liña equivocada de contención do gasto e amortización da débeda.