Case mil persoas participaron en programas formativos impulsados polo Concello de Narón

curso carniceria naron 22-9

«Os programas de Formación impulsados desde o Concello de Narón permitiron ofrecer diferentes cursos durante o pasado ano a un total de 927 persoas». Así o indicou a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, aludindo aos Cursos do programa municipal Habilita 2015, aos de Cemit Rural, á programación Acción Formativa para Desempregados (AFD) e aos programas Territorio de emprego– nas edicións 2014/2015 e 2015/2016-, subvencionados estes dous últimos pola Consellería de Traballo e Benestar.

«En total -resumiu a edil- impartíronse corenta modalidades distintas de cursos  que supuxeron 5.044 horas. A aposta do goberno local pola Formación queda máis que constatada con estes datos, que veñen a confirmar o apoio que ano tras ano se dá á formación co fin de mellorar os coñecementos do alumnado en diferentes áreas para que estean nas mellores condicións posibles a nivel formativo á hora de optar a un posto de traballo», subliñou a concelleira.

No marco do programa Habilita 2015 convocáronse 24 cursos o pasado ano, nas modalidades de Inclusión Tecnolóxica; Ámbito Interprofesional; Innovación e Emprendemento e Iniciación Profesional. «Con este programa municipal pretendemos atender diferentes obxectivos, adaptando o máximo posible a formación ás necesidades e á demanda dos potenciais alumnos e alumnas», explicou Natalia Hermida.

Na zona rural impartíronse seis cursos sobre informática e redes sociais durante o primeiro semestre do pasado ano, co fin de acercar tamén as novas tecnoloxías aos veciños e veciñas do rural e evitarlles ter que desprazarse á zona urbana para poder asistir a este tipo de cursos.

Ao longo de 2015 tamén se convocaron tres cursos da programación de Acción Formativa para Desempregados (AFD), subvencionados pola Xunta e con certificado de profesionalidade, nesta ocasión, sobre carpintería e atención sociosanitaria. «Trátase dunhas convocatorias moi específicas e que tentaremos ir incrementando co paso do tempo, como demostra o feito de que xa solicitamos á administración autonómica novas homologacións, co fin de poder ofrecer máis certificados de profesionalidade», apuntou. A edil recordou ao respecto que «o goberno local leva dúas lexislaturas solicitando á Xunta a ampliación dos cursos formativos homologados que se imparten no Concello e lamentablemente só contamos cos tres citados anteriormente, a pesares de que cada ano pedimos entre sete e nove e de que hai Concellos con 10.000 e 15.000 habitantes que teñen nalgúns casos ata cinco homologados pola administración autonómica».

«Esta oferta formativa complétase cos convenios en vigor o pasado ano cos institutos de As Telleiras, Canido e Leixa, coa cesión de instalacións municipais para realizar cursos e impartindo formación de balde a cambio», explicou a concelleira. Hermida valorou estes acordos e agradeceu tamén a colaboración de todas aquelas empresas nas que o alumnado realiza as prácticas de determinadas materias «por contribuír a mellorar os coñecementos dos alumnos e alumnas e nos mellores casos, como xa sucedeu, ofrecerlles un posto de traballo», indicou.

Os programas integrados para o emprego Territorio do Emprego, subvencionados tamén pola Consellería de Traballo e Benestar e solicitados a través da Mancomunidade, recordou a edil, «permitíronnos ofrecer orientación, formación e prácticas laborais en empresas durante un ano a un total de 94 persoas desempregadas de Narón a través dun total de sete cursos».

Natalia Hermida indicou ademais que o Concello dispón de instalacións como o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e a Aula Cemit de Xuvia para impartir os diferentes cursos, así como do persoal necesario para atender a área de Formación desde a administración local.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …