A Deputación da Coruña declara o 2016 como Ano das Irmandades da Fala

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade dos grupos políticos a declaración do 2016 como Ano das Irmandades da Fala.  Comprométese polo tanto a desenvolver un programa de actividades para difundir e dar a coñecer a súa dimensión histórica e o seu papel no «que hoxe somos como pobo e cultura». Así foi decidido por votación no pleno que se desenvolveu este venres día 29 de xaneiro no que aprobouse por unanimidade unha declaración institucional que recoñece nas Irmandades a «cerna dun movemento social de reivindicación da lingua e da identidade nacional galega que mostrou unha nova forma de concibir o país, en tanto colocou por vez primeira Galiza como centro de decisión e como suxeito do seu devir social, cultural e político».

A Deputación quere conmemorar desta maneira o centenario dun movemento que naceu coa creación da Irmandade dos Amigos da Fala constituída nunha xuntanza o 18 de maio de 1916 na Rúa Real número 38 da cidade da Coruña.

Exposición e programa de actividades

A Deputación da Coruña convértese na primeira institución neste ano en recoñecer oficialmente o centenario das Irmandades da Fala e esa vontade está recollida na declaración institucional en que recolle a necesidade de «garantir o compromiso das institucións públicas coa súa celebración, difundindo na sociedade actual o coñecemento do seu legado histórico». O Parlamento de Galiza aprobara a declaración por unanimidade o 29 de abril de 2015.

«As Irmandades defenderon unha “autonomía integral” dentro dunha federación ibérica en igualdade de relacións con Portugal, o ingreso das nacionalidades da península na Liga das Nacións, a comarcalización do país e a constitución dun Parlamento e dun Goberno propios que exerzan o poder galego», recoñece o texto aprobado polo pleno que converte á Deputación da Coruña nunha das primeiras institucións en recoñecer oficialmente o centenario das Irmandades.

O acordo plenario compromete á Deputación desenvolver un programa de actividades conducentes a divulgar o coñecemento do labor das Irmandades e, neste sentido, desde a área de Cultura estase a traballar en colaboración co Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e o apoio doutras fundacións e entidades  nunha exposición que visitará as sete cidades galegas e difundirá o legado dun movemento que desenvolveu un «encomiábel labor, animado polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma».

A declaración institucional lembra que figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Xohán Vicente Viqueira, Ramón Cabanillas, María Miramontes, Xaime Quintanilla, Otero Pedrayo ou Vicente Risco participaron deste movemento que se espallou desde a Coruña por toda Galiza con numerosas iniciativas culturais, lingüísticas e políticas.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …