O Foro de Amigos de Ferrol lembra a construcción do camposanto de Canido, o primeiro da Ilustración en Galicia.
—-ooOoo—-
Carlos III promulgou o ano 1787 unha Real Cédula prohibindo os enterramentos intramuros, ao tempo que ordenaba a construcción de cemiterios nas aforas das cidades. Sendo rei Carlos IV, esta Cédula foi complementada o ano 1804 por dúas Circulares, remitidas aos rexedores das urbes máis importantes da nación, entre eles o Gobernador das Vilas de Ferrol e A Graña.
Durante a época medieval, a vila ferrolá reducíase ao barrio de Ferrol Vello cunha poboación de 250 veciños, contando coa desaparecida igrexa de San Xulián e o convento de San Francisco como lugares para enterrar aos mortos . A maioría dos enterramentos realizábanse na igrexa parroquial, lugar elixido pola poboación de pescadores, labradores e artesáns, ao tempo que unha minoría de comerciantes e fidalgos, por razóns de prestixio e tradición, escollían San Francisco.
Xa no ano 1775, construíuse en Ferrol o primeiro cemiterio galego situado fora do núcleo urbano, anterior a devandita Real Cédula do ano 1787. Entre as razóns disto está o rápido crecemento da poboación de aluvión, a conversión de Ferrol nun porto militar coa posibilidade da chegada de epidemias e enfermidades infecciosas pola vía marítima, e a mentalidade hixienista ilustrada baixo a que se edificou a urbe. Deste xeito, Ferrol contou co cemiterio municipal de maior antigüidade de Galicia e un dos máis antigos de España.
A partires do seguinte ano 1776 comezaron os enterros no cemiterio de Canido, un lugar situado nas aforas da cidade, atopándose nun lugar da parte alta, aberto e ben orientado cara aos ventos dominantes. A pesar diso, non foi doado conseguir que os enterros se realizasen nun lugar arredado do centro da urbe, carente de elementos que lle desen o debido carácter sacro, en especial unha capela. Dada a resistencia amosada polos veciños e os cregos á utilización do cemiterio de Canido e o temor ás epidemias de cólera, Diego Martínez de Córdoba, Gobernador Político e Militar de Ferrol, o 17 de Abril de 1801 ordenou prohibilos enterros nas igrexas, sepultándose os cadáveres no cemiterio de Canido.
Tras unha serie de obras, o ano 1808 o cemiterio de Canido quedou formado por un recinto trapezoidal de case 5000 metros cadrados de superficie, orientado aos catro ventos e totalmente arrodeado dunha alta tapia. No medio do lenzo norte estaba a nova capela neoclásica cuxo pórtico de entrada servía de acceso ao cemiterio. Chama a atención que en cada seu lado da tapia frontal do camposanto, separadas da porta de entrada, abríanse dúas amplas luces ou ventás enreixadas de arco de medio punto, desde onde os veciños podían velas tumbas do interior do cemiterio cando se atopaba pechado.
Tanto o interior do cemiterio como o terreo circundante foron arborados a mediados do século XIX con salgueiros e alciprestes, contribuíndo deste xeito á severidade propia do lugar, sendo o camposanto ampliado os anos 1861 e 1906. O cemiterio ferrolán de Canido, incluíndo a súa capela, quedou organizado de xeito racional, reflectindo as novas ideas da Ilustración e a sobriedade e academicismo que propugnaba o clasicismo, neste caso cunha versión austera polo axustado do presuposto.
O 12 de Xullo do ano 1945 inaugurouse o novo cemiterio de Catabois, deixándose de soterrar aos defuntos no camposanto de Canido e facéndose os traslados dos restos funerarios aos cemiterios de Catabois e Serantes, nun proceso que durou case vinte anos. Mais esta é outra historia, moi pouco exemplar por certo
Precioso artículo,y muy buena reproducción de como era.A los que lo recordamos tal como era nos trae nostalgia de nuestra infancia y de cuando ibamos con nuestros padres a recordar a nuestros difuntos.Enhorabuena al autor o autores.