Copos de Avena, Abe Rábade & Antía Muíño e a Orquestra Galega de Liberación conforman o cartel do I Festival de Jazz das Pontes.
A concelleira de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnoloxías do Concello das Pontes, Lorena Tenreiro, e a responsable de Luneda Producións, Aitana Cuétara, debullaron os pormenores do programa da primeira edición do festival de jazz PULSO. A presentación tivo lugar no Cine Alovi sobre o mesmo escenario que acollerá os concertos os próximos 8 e 9 de maio.
Lorena Tenreiro explicou que “o festival nace coa vontade de converterse nun novo punto de encontro arredor do jazz e a creación contemporánea en Galicia, ofrecendo propostas de vangarda, cunha clara aposta polo talento galego, en especial artistas que están a renovar as linguaxes do jazz e da creación musical contemporánea no noso país”.
A responsable de Cultura engadiu que “desde o Concello das Pontes levamos anos apostando pola música en directo e queriamos ofrecer unha proposta diferente, centrada nun estilo musical que ata agora tiña moi pouca presenza nas programacións e co que queremos convidar o público a deixarse levar pola experiencia da música ao vivo”. Tenreiro rematou afirmando que “agardamos que este festival se consolide no noso calendario cultural”.
Pola súa parte, a directora artística do festival, Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións, manifestou que “é unha alegría de que xurdan iniciativas coma esta, que se afastan da estética esta tan homoxénea que hai agora mesmo en todos os festivais, en todas as programacións, tanto públicas como privadas, e que haxa un Concello, pequeno ademais, que impulse unha proposta así, que aposta pola vangarda, polo jazz, pola escoita… E que ten un certo risco artístico, cun concerto como o da Orquestra Galega de Liberación con cerca de vinte músicas e músicos sobre o escenario. Paréceme unha moi boa nova”.
O cuarteto Copos de Avena abrirá o festival o venres 8 de maio ás 20:30 cun repertorio queexplora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz, combinando boleros, bossa nova e referencias contemporáneas nun diálogo entre a tradición e a vangarda. A voz de Gloria Pavía, acompañada da guitarra de Iago Marta o contrabaixo de Yudit Almeida e a batería de Héctor Agulla, percorren un crisol de xéneros que atravesa diferentes épocas e incorpora referencias de artistas contemporáneas como Silvia Pérez Cruz, Rita Payés, Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler.
Unha ponte entre tradición e vangarda, un lugar onde o repertorio máis clásico se renova dun xeito orgánico e vibrante. A continuación, o encontro entre Abe Rábade & Antía Muíño propón un universo sonoro no que conflúen a canción de autor, o jazz e a música tradicional galega.
Por unha banda, a sensibilidade das composicións de Antía Muíño, unha das creadoras máis brillantes da última xeración de artistas galegas. Doutra banda, un dos pianistas máis ilustres e respectados do circuíto jazz estatal, o grande Abe Rábade. Xuntos, acaban de dar a luz «Vente vindo / Eu en ti», un EP de dobre cara, ou un dobre single que condensa as súas sensibilidades. Antía abrázase á súa guitarra e ao piano de Abe, co que leva anos colaborando en decenas de directos, para presentar este directo que é un canto á sensibilidade e a delicadeza.
A segunda xornada estará protagonizada pola Orquestra Galega de Liberación, unha formación que traballa coa improvisación dirixida a través do soundpainting, un sistema de creación en tempo real que converte cada concerto nun proceso único. Dirixida por Xacobe Martínez Antelo, a orquestra é a nave nodriza dunha comunidade de case vinte artistas de distintas procedencias reunidos en torno ás artes de vangarda, á búsqueda de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación que buscan ofrecerlle ao público unha experiencia aberta, imprevisible e emocionante.
As entradas xa se poden adquirir na páxina web https://aspontes.sacatuentrada.es/
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
