«A xunta directiva do Ateneo Ferrolán ten a enorme satisfacción de comunicar que ven de recibir a cesión da biblioteca particular de Bonifacio Borreiros, realizada pola súa nai Dª. María Fernández Lagoa, o pasado día 10 de decembro de 2015. Nesta data, o persoal e a directiva do Ateneo realizaron o traslado, dende a vivenda de Bonifacio Borreiros en Covas, dunha importante colección bibliográfica de perto de 2.000 libros, que ocuparán sobre 45 metros de estanterías da nosa biblioteca.
Bonifacio Borreiros naceu en Ferrol en 1953, estudiou medicina en Compostela e desenvolveu unha activa vida política ligada ao socialismo galego; até a súa morte en 2006 estivo ligado á vida política e cultural galega e ferrolá. Foi Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia en 1988 e foi no mundo da cultura onde centrou a súa actividade política. Na súa cidade natal fican algunhas das súas grandes iniciativas, como o Centro Cultural Torrente Ballester, a reforma da Biblioteca Municipal, e toda unha serie de publicacións sobre a historia da cidade; foi tamén, non o esquecemos, un activo colaborador e protector do Ateneo Ferrolán.
A biblioteca de Bonifacio Borreiros ten a Ferrol, Galiza, a filosofía e o pensamento socialista como eixos principais, polo que na súa maior parte encaixa perfectamente na biblioteca especializada que é a
Biblioteca-Hemeroteca do Ateneo Ferrolán. Existen ademáis libros de medicina, literatura, ensaio, enciclopedias e diccionarios que componen un interesantísimo fondo bibliográfico contemporáneo. A traxectoria de Bonifacio Borreiros como Director Xeral de Cultura na Xunta de Galicia, Concelleiro de Cultura no Concello de Ferrol, como deputado no Parlamento Galego e no Congreso, fican reflectidas tamén na súa biblioteca, recollendo moitas obras promovidas por Bonifacio ou relacionadas co
desempeño destes cargos públicos.
Entre as obras de pensamento de maior interese para a nosa biblioteca están os doce tomos que compoñen as obras completas do socialista Ferrolán Pablo Iglesias, que permitirán ao público coñecer en profundidade as ideasdeste socialista ferrolán. A literatura está tamén presente no fondo a través dos máis prestixiosos autores, con coleccións de obras completas do ferrolán Torrente Ballester, de Valle Inclán, Neruda ou Borges. A doazón inclúe grandes coleccións de obras clásicas da cultura galega, como a “Historia de Galicia” de Edicións Hércules, a “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo, a grande colección da “Biblioteca da Cultura Galega”, o “Diccionario da Língua Galega” e centenares de obras de galegas de literatura, historia e ensaio. A cesión inclúe ademáis un bó número de revistas de pensamento de temática galega e socialista. Entre as coleccións hemerográficas destaca a edición facsímil do xornal “A Nosa Terra” e un bó número de exemplares da revista “Grial”, que virán a sumarse á colección destas publicacións que xa tiña o Ateneo, cando a nosa entidade recupere os seus fondos. Algunhas das obras de autores locais están dedicadas ao propio Bonifacio.
O Ateneo Ferrolán instalou esta colección bibliográfica como un fondo independente dentro da súa Biblioteca-Hemeroteca, que fará lembranza de Bonificacio Borreiros, e o luns 21 de decembro ás 20 horas fará un acto público de recepción dos fondos, a partir do cal a colección bibliográfica estará a disposición de todo o público. Durante todo o mes de xaneiro estará instalada ademáis na biblioteca do Ateneo unha exposición bibliográfica en vitrinas dos fondos de maior interese recibidos pola entidade nos dous últimos anos».