Erros e disfuncións nos letreiros municipais de Ferrol

burgoa-211114jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

Nestas últimas datas o Concello de Ferrol está a colocar unha serie de letreiros nas fachadas de significados edificios da cidade, subvencionados polo “Fondo de Desenvolvemento Rexional Europeo”. Os carteliños de cor gris fundición levan o brasón da cidade timbrado cunha coroa marquesal que non lle corresponde e conteñen numerosos erros e disfuncións, descoñecendo se teñen o propósito de informar ou de confundir ao viandante.

Primeiro letreiro. Edificio situado na Praza da Constitución, que neste intre constitúe a sede da Fundación dunha entidade bancaria. No letreiro que colocaron na fachada aparece escrito FUNDACIÓN NOVACAIXAGALICIA/ 1801 FRAY PLÁCIDO CAAMIÑA.

Trátase da antiga Cárcere Pública, construída polo arquitecto municipal López Llanos, edificio que logo albergou as dependencias do Concello de Ferrol. O ano 1927 foi Instituto de Ensinanza Media, e o ano 1944 o Goberno Militar da cidade. O edificio sufriu a adición de dous pisos o ano 1953 e o ano 2009 mudou a súa distribución interior. Estes son os datos auténticos do edificio; realmente o arquitecto Fray Plácido Caamiña nunca tivo nada que ver co mesmo.

burgoa-19-a

Segundo letreiro. Edificio esquinal, situado entre as rúas María e Sol, restaurado fai pouco tempo. No seu letreiro pódese ler ANTIGO HOSPICIO/1800-1830. Este edificio foi construído arredor do ano 1790, sendo destinado a vivendas co nome de Mesón de Valentín, albergando realmente o Hospicio Municipal desde o ano 1875 cando o Concello mercou e arranxou o edificio.

burgoa-19-b

Terceiro Letreiro. Edificio situado na esquina da rúa Magdalena con Méndez Núñez, hoxe utilizado, trala súa recente remodelación, como sede dun “totum revolutum” de asociacións culturais e veciñais da cidade. Neste caso no letreiro da fachada aparece escrito CENTRO CULTURAL CONCEPCIÓN ARENAL/ 1762

O edificio pertenceu ao legado que Pedro Carvajal de Castro fixo á Beneficencia Municipal de Ferrol ao falecer o ano 1887, albergando o Xulgado Municipal ata o ano 1953 e sendo logo a sede do Ateneo Ferrolán. É totalmente absurdo que lle poñan o nome da prestixiosa penalista Concepción Arenal a un edificio ao que realmente lle cumpriría levar o nome de ”Legado Carvajal de Castro”.

burgoa-19-c

Non coñecemos que Concellería (Cultura, Urbanismo, Turismo, Patrimonio ?) é a responsable da colocación destes letreiros e doutros máis en diferentes edificios da cidade. Sexa quen sexa, a Concellería responsable debe tomar acción e corrixir estes erros, encargando desta función a persoas coñecedoras do noso patrimonio cultural.

Lea también

Ferrol no es un refugio de políticos–(José Carlos Enríquez Díaz)

José Carlos Enríquez Díaz En un momento en el que la política local debería centrarse …