O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolveu na tarde deste luns, día 23, un acto público na que avaliou o estado do sector naval na ría de Ferrol no que quixo desvendar a realidade e no que afirmou que diante da situación de parálise, ocultación e negación dun proceso de consolidación interna da empresa Navantia que esta a levar consigo un proceso de reestruturación, xa vixente, é preciso actuar contra ela obrigando a que o Estado mude o deseño que ten establecido para os estaleiros da ría. azntiveron o encoentro Francisco Jorquera, voceiro do BNG no parlamento galego e Iván Rivas, voceiro municipal.
Iván Rivas, candidato à alcaldía do BNG, destacou que o silencio instaurado ao respecto do futuro do principal sector produtivo da Cidade desde o acordo do Consello de Ministros de xullo de 2014, no que se asignou ao Mº de Defensa a planificación e control do futuro da empresa Navantia, demostran a vontade política de desenvolver unha nova reestruturación no sector naval, que terá graves consecuencias para os centros de produción da ría de Ferrol.
O BNG denunciou o feito de estar a desenvolverse xa no sector nos últimos anos unha reestruturación evidente, mediante o desmantelamento da industria auxiliar, e que así o comfirman a baixada de prezos e a vulneración dos acordos laborais.
A exclusión dos estaleiros da ría de Ferrol do ámbito de actuación da eólica mariña, centrada nos estaleiros do Sur, o feito de transcurrir xa 3 meses desde a suposta eliminación das limitacións para actuar no ámbito civil sen que se teña feito ningún investimento no estaleiro de Fene para poñelo a funcionar, e a inexistencia de ningún proxecto industrial para os centros de produción a curto ou medio prazo máis que anuncios pantasma, confirman que o obxectivo do Estado para estes estaleiros pasa pola súa liquidación e redución.
Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, salientou a importancia de contar cun goberno municipal que deixe de ocultar a realidade e que saia do silencio no que se ten instalado o Alcalde desta cidade respecto do que está a acontecer, servindo de parapeto para que desde o Estado se desenvolvan os seus obxectivos de consolidación e liquidación do sector na ría de Ferrol.
Diante desta situación e ante o feito de contar cun Alcalde e cun goberno municipal mudo, é preciso coñecer cales son os obxectivos concretos que o Estado persegue para os estaleiros da ría.
Con este obxectivo desde o BNG deuse conta por menorizada do contido da moción presentada ao pleno de fin de mes que pretende que a corporación municipal de Ferrol demande do Estado o Plan Industrial de Navantia 2014-2018, e manteña encontros tanto co presidente da SEPI como co Mº de Defensa para tratar sobre o contido dese Plan Industrial e as súas consecuencias.